Oito minutos

OITO minutos estivo o secretario xeral de Emigración nun acto do PP en Arxentina, asegurou estes días o propio interesado. O home proclamou no Parlamento galego que só foi, saudou aos asistentes e fixo unha “breve intervención”. Os que imos pola vida co tempo colléndonos polo pescozo, intentando rañar segundos onde só hai demoras, non podemos máis que admirar a este home, que lle dá para entrar, dicir unhas poucas (e, é de supoñer, sobranceiras) palabras, e aproximarse ao estrado, ou irse, estreitando mans: será que era un acto íntimo, había pouca xente e por conseguinte puido facer tanto? E o que me sorprende é a precisión suíza do alto cargo: tería sido doado redondear dicindo que foron “dez minutos”, pero non, foron oito exactamente. Se fose un menos tería sido un bo polvo, segundo un estudo que recollía Yahoo! hai uns días: sete minutos abondan para un acto sexual satisfactorio. Home, a Nicholas Cage e Angelina Jolie chegáballes con sesenta segundos: habería que ver quen o fixo entón en trece minutos, para que dera a media. O secretario tamén puido redondear á baixa, que, como xa cantaba Víctor Jara mentres recordaba a Amanda, a vida é eterna en cinco minutos. Pero o secretario demostra que os políticos poden facer o que queiran co tempo, mesmo pasar en oito minutos de cargo institucional a dirixente político. De maior tamén quero ser político, aínda que necesite máis de oito minutos.

Tags: ,

Comenta

*