A fusión viguesa

ISTO da fusión das caixas é un tema apaixonante, aínda que están empeñados en poñernos pedras no camiño: primeiro falaban de que a fusión era para manter as caixas, e agora resulta que o que hai é un banco; despois, que era para que seguiran sendo galegas e privadas, e agora agardamos por investidores estranxeiros e por esa ‘nacionalización’ sui géneris que nos gastamos en España. Menos mal que recuperamos a Castellano, un executivo interesante. Con tanto movemento en poucos meses (de Novacaixagalicia a NCG Banco en poucos meses), non deu tempo nin para que se beneficiaran os fabricantes de carteis. En Vigo, por exemplo, aínda seguen lucindo os carteis de Caixanova en moitas oficinas; descoñezo se na Coruña é ao revés. En cambio, é en Lugo onde noto máis o peche de oficinas que competían: será porque en Vigo non as controlaba como aquí. A que segue en pé na cidade do sur é unha oficina que loce os seus nove preciosos chanzos, intimidando a todo aquel que leve unha cadeira, sexa de pequeno ou de roldas. É, posiblemente, a oficina menos accesible que vin nunca, pero, polo movemento, tamén debe de ser unha das máis rendibles. En Vigo tamén están moi fachendosos pola fusión: están convencidos de que gañaron, aínda que a Xunta e os políticos do norte din que non. Estes días chegoume a confirmación de que en Vigo teñen razón, porque esta caixabanco unificou o seu código, ese número polo que empezan todas as contas. Adiviñan cal é o novo? O 2080, o que tiña Caixanova.

(Corrección: na edición impresa aparece un erro: o código de Caixanova e, agora, de Novacaixagalicia é o 2080 e non o 2800, como saíu publicado por un baile de números.)

Tags: ,

Comenta

*