Medrar por ou para comer

Un día, xogando nunha pequena praza, porque daquela non había parques infantís nin nada que se lle parecera, escapóusenos unha pelota e acabou no teito dun pequeno quiosco. O meu irmán e máis eu acudimos ao meu avó, que andaba por alí, para que a rescatara. El estirouse unha chisca de nada e colleu a pelota. Creo que quizais foi ese día cando descubrimos a importancia de comer para medrar e chegar a ter a facilidade que tiña o meu avó para chegar a sitios altos. O meu avó era daquela (finais dos sesenta naquela España que aínda estaba a saír da fame da posguerra) o teito da familia, un ‘título’ que herdou o seu fillo e despois pasou a min; e polas trazas non parece que o meu 1,87 vaia ser batido en moito tempo. Ser tan alto ten as súas vantaxes e tamén os seus inconvenientes, como descubriu hai uns días a miña cuñada, cando intentou coller un vaso na miña casa e decatouse de que non chegaba. A miña avoa, que era tan baixiña como a miña cuñada, solucionaba o problema subindo a unha banqueta como a que estaba usando cando cae e rompeu a cadeira, que ese é un dos perigos de subirse a un tallo para alcanzar as cousas. Ela enfrontaba o inconveniente gardando nos sitios altos o que menos usaba. Eu, en cambio, como non teño problema en chegar á parte superior das lacenas, gardo o que sexa sen mirar o lonxe que pode estar do chan. Así que aos meus fillos non lles quedará máis saída que aplicar o mesmo que aprendín eu o día do quiosco, pero por razóns diferentes: terán que medrar, pero para poder (atopar que) comer.

Tags:

Comenta

*