Profecías

O MÁIS divertido das profecías é confrontalas coa realidade. Por iso, os seus autores fanas difusas e interpretables (Nostradamus) ou a moitos anos vista, non vaia ser que se demostren falsas ao pouco tempo. Entre as interpretables, a que está máis de actualidade é a do calendario maia, que, segundo algúns agoireiros, prognostica que o mundo acabarase na véspera da lotaría de Nadal do 2012 (a data é un acerto). Habería que ver que se entende por “fin do mundo”: destrución total? Apagón xeral que baleira todos os ordenadores do mundo? Algo semellante ao temible ‘efecto 2000′? Outra opción é tentar axustar a realidade á profecía. Se os naipes din que vas ter que elixir entre unha loura e unha morena e non coñeces máis que destas últimas, podes pensar que o tarot acertou porque unha delas ten máis canas. A profecía (máis ben un estudo) que máis me impactou ultimamente parte dun popular blogueiro estadounidense, e lina nun Muy Interesante de hai uns meses. O estudo augura que os periódicos de papel comezarán a desaparecer (“na súa forma actual”, aclara o gurú Ross Dawson) no 2017 en Estados Unidos; en España, a extinción chegará no 2024, segundo o prognóstico. O ultimísimo xornal de papel venderase no 2040 en Suramérica, África e o sur de Asia. E eu que pensaba no meu retiro dedicarme a ler xornais nos clubs de xubilados (se a Crise non os leva por diante)! Vaia xeito de escarallarme a xubilación.

Tags: ,

Comenta

*