Domingo 15

Borges, en gris, nunha foto sen data

AS EFEMÉRIDES destes días fanme recordar que hai hoxe 25 anos era sábado. Recórdoo porque o día seguinte, domingo 15 de xuño de 1986, pouco despois das sete da mañá, lin nun quiosco de Madrid aquel titular desolador: «Morreu Jorge Luis Borges». Ademais da sorpresa pola noticia, lembro como se fose hoxe a faciana do quiosqueiro fitando para min, como preguntando de onde viría a esas horas ese mozo con cara de non ter durmido. Era certo: pasara a noite na casa dun pontevedrés cuns amigos, xogando á baralla, nunha dura pero vitoriosa pugna. Un mes antes eu fixera outro titular mortuorio, para anunciar en El Ideal Gallego a morte de Ánxel Fole. Daquela non lera nin ao escritor de Lugo nin ao de Bos Aires. Fíxeno despois. Eu era máis de Julio Cortázar, porque naquel tempo xuvenil, tan proclive aos maximalismos, as cousas eran dunha forma ou xusto da contraria: ou eras de Felipe ou de Fraga, ou do Madrid ou do Barça, ou de Godard ou de Ozores, ou de galletas ou de torradas, de ‘Rayuela’ ou de ‘El Aleph’. Despois, co paso do tempo, descobres que as cousas non son nin brancas nin negras, senón todo o contrario, e que o gris, como dicían todas as miñas mulleres cando exercían de asesoras de imaxe, é unha cor que «vai con todo». E Borges e Fole e Cortázar, tamén.

Tags: , , , ,

Comenta

*