Necroloxías

ESTE DOMINGO non morreu ninguén na provincia de Lugo, ou iso se desprende da páxina mortuoria de onte deste xornal, esa sección tan popular nos periódicos galegos (si, os meus avós eran dos que empezaban polas notas necrolóxicas). Saramago fixo unha novela, ‘As intermitencias da morte’, sobre un mundo no que a xente deixaba de morrer; noutra, ‘Todos os nomes’, fai que o protagonista, encargado do rexistro civil, troque porque si as lápidas dun cemiterio que vai medrando, intercalándose coas casas da cidade: é unha solución para eses almacéns de mortos (con perdón) que necesitan ampliación cada certo tempo, como os discos duros dos ordenadores. Hai algún estudo apócrifo que asegura que a comezos de ano morre máis xente: os vellos pagan o cambio de ritmo e os excesos do Nadal. E como cada día nace menos xente, polo menos nesta parte do mundo, é posible que chegue un momento en que haxa máis días sen mortos, agás se nos poñemos todos a procrear como tolos. E cando a humanidade se extinga, máis nos vale que sexa por algunha catástrofe que nos mate a todos xuntos, desas que tanto gustan no cine de Hollywood, porque non me imaxino o triste que é ser o derradeiro ser humano en morrer, que non terá nin quen lle poña unha necroloxía nin quen lla lea.

Tags:

Comenta

*