Músicas

DEUME por revisar a miña colección de CDs e estou levando varias sorpresas. Este tipo de revisións adoitan vir acompañadas de lembranzas: cando compraches un disco, por qué, o éxito que tiña daquela o grupo X, do que agora ninguén se acorda; as dificultades para conseguir en Lugo unha determinada música (do tipo de Michael Nyman, a comezos dos noventa), o disco que viña de oferta con outro que buscabas e que ao final resultou ser mellor que este último… a época aquela en que querías ter algúns clásicos (Deep Purple, o Serrat de ‘Mediterráneo’…) e hoxe resulta que podes conseguilos pulsando unha tecla e sen saír da casa… Atopas cousas que mesmo non lembrabas que tiñas, e fas (re)descubrimentos, como o veludo da voz de Chabuca Granda ou aquel grandísimo pero fracasado disco de Nancho Novo y Los Castigados sin Postre. E ves que é certo que a música vai co ánimo e a idade: o meu outrora adorado Silvio empeza a resultarme un pouco tostón, e Teresa Salgueiro e Loreena McKennitt resúltanme insufribles segundo que momento. Curiosamente, os únicos que non fallan son os que levan sen facelo dende hai séculos: un tal Mozart, un tal Puccini… E non son o único, porque o domingo á noite, por exemplo, Julia Roberts volvíase a emocionar coa música de Verdi: seguramente, ‘Pretty woman’ envellecerá peor (xa o está a facer) que ‘La traviata’.

Tags: ,

Un comentario a “Músicas”

  1. lola

    Coincido con todo o exposto por vostede,D. Ángel,con case todo.Pero que se refira ao sempre adorado Silvio coma “tostón” vaille custar tres semanas “castigado sen postre”…digooo…sen que lle lea os seus escritos (o falar de Nancho leva a estes lapsus)

    Despídome con esta peza ,lembrando como me hipotizaba ,me electrizaba,me mergullaba,me elevaba con todas as súas ¿variacións? e que recupero gracias á súa columna

    http://youtu.be/nfP0u_zf3EE

Comenta

*