San Xurxo

UN DOS poucos ‘días de…’ que me gustan, se non o único, é o do libro. Pasa cando un é un tolo das librarías, esas tendas nas que venden obxectos que van capeando como poden a invasión tecnolóxica. A miña afección é tal que mesmo cheguei a contaxiar a algunhas das miñas parellas, e algún ano en que non había ninguén sentimentalmente próximo a quen agasallar, botei man da familia, esa que, queiras ou non, sempre está aí. Pareceríame raro pasar un San Xurxo sen dar un libro. Normalmente, adoita ser unha cousa de dous; así, este ano o intercambio foi moi gráfico e ‘arxentino’: din un Luís Seoane (creador galego nado en Bos Aires) e recibín un Linniers (viñetista arxentino que, na primeira ollada que lle botei, promete). Como son dos que din que o agasallo non é de quen o recibe senón do que dá, non teño moi claro que é o que me gusta do Día do Libro, ou quizais si: ese acto, case cerimonial, de percorrer os estantes, deixando que a mirada vague ata que se detén nalgún título suxestivo ou unha edición atractiva. Eu resúmoo dicindo que “deixo que os libros me chamen”. Á larga, ese conxunto de follas escritas e impresas (definición da RAG) que regalas di tanto de ti como do que pensas ti sobre a persoa que o recibe, co cal demóstrase que os libros son realmente perigosos.

Tags: ,

Comenta

*