Actualidade

HAI UNS días, varios xornais asustáronme, porque sacaban como foto do día, algúns en primeira, unha imaxe que eu xuraría que xa vira: era a apocalíptica instantánea do lanzamento dun mísil dende un barco estadounidense. Despois decateime de que un Tomahawk sempre se lanza igual, ou sexa, que a foto do fume sempre será igual. Pero a inquietude seguiu días despois, cando en El País volvín ler a un columnista habitual falando sobre unha nova máquina de afeitar, que apura moito e case parece de depilar, un tema do que eu xuraría que ese xornalista xa escribiu hai anos. E leo tamén que Estados Unidos está a atacar a Gadafi, e descubro que a sección na que o contan é na de ‘Hai 25 anos’. E unhas páxinas despois atopo unha información sobre un apaixonante e exitoso concerto de Pink Floyd, un grupo de moda… cando eu ía ao instituto. E máis adiante encontro que volve a estar de actualidade Elizabeth Taylor, actriz que a miña nai admiraba cando eu era un cativo… E nas páxinas provinciais escriben sobre os xeriátricos da Fonsagrada e Baleira. Así que, abraiado por tanta noticia antiga, decido procurar algo máis actual na sección de Galicia. E alí atopo… fotos de Franco e do pazo de Meirás. Nese momento decidín tirar co calendario.

Tags: ,

Comenta

*