Roupa

NON É difícil atoparse, nas madrugadas, algunha reemisión en Clan TV dunha interminable serie sobre as viaxes de Hércules (nota para cinéfilos: está producida por Sam Raimi). Hai uns días caín na conta da parquedade do vestiario dos actores: o compañeiro do protagonista vai polo mundo cun chaleco sempre aberto e sen nada por debaixo, exhibindo pectorais; as mulleres tamén locen escotes impresionantes. Nunca chove e parece como se sempre fixera bo tempo. Teoricamente, a época na que se desenvolve a serie é a da Grecia clásica: quizais os directores artísticos inspiráronse nas esculturas que estudamos no instituto, coa técnica aquela do pano mollado (gran Fidias!), que tanto lles gustaba ás nosas mentes adolescentes. Nas series sobre eses tempos é doado ver mulleres lixeirísimas de roupa a carón de homes con cinco ou seis quilos de peles de animal enriba. Pensarán os guionistas que as mulleres non pasan frío? Será que aqueles tempos eran máis cálidos que agora? Logo, a xente normal inspírase en series como esa, a de Xena ou outras, e así se visten para festas como o Arde Lucus, onde os romanos van lixeiros de roupa e os locais, ben abrigados: como sempre, os que veñen de fóra xa daquela tiñan problemas coa roupa que hai que poñer cando se sae da casa.

Tags: ,

Comenta

*