Arquitecturas

NO CONCURSO de acertos e desastres arquitectónicos que organizou o Coag hai un ano, coa colaboración deste xornal, alguén enviou, para o apartado de desacertos, unha foto da Praza Maior de Lugo na que se vía en primeiro plano o inconfundible edificio curvo no que ata hai pouco houbo unha zapatería e no que agora vai abrir unha óptica. Aos arquitectos do xurado estrañoulles que fose para esa categoría, porque está considerada unhas das obras mestras de Eloi Maquieira. Era un arquitecto que manexaba as curvas como poucos, de obra moi singular pero pouco coñecido nun Lugo que lle debe parte da súa fisionomía: seus son o IES Xoán Montes, o mercado, o devandito edificio, outro (tamén curvo) en Santo Domingo e o desaparecido sanatorio Pimentel. Estes días pódese ver nunha mostra no Coag. O Concello deulle, a unha das rúas novas que xurdiu na Milagrosa, o nome deste profesional, que foi arquitecto municipal entre 1927 e 1944. Este recoñecemento é de hai pouco, como é de hai pouco (deste verán) o artigo sobre el na Wikipedia galega. Debe de ser cousa do tempo no que lle tocou vivir, en que a xente se publicitaba menos. Ou quizais se debe a que un vive nas casas que fan os arquitectos pero non lle interesa quen as deseña; e máis vale así, porque nalgúns edificios de pisos dan gañas de colgar ao creador, aínda que as máis das veces a culpa é máis do construtor que do arquitecto.

Tags: ,

Comenta

*