Cartas

UNHA COUSA que me gusta do Nadal é que recupero unha vella paixón: escribir cartas polo correo de papel de toda a vida. Si, xa sei que soa a anticuado, e así o recoñecín na postal que enviei ao fogar máis tecnificado dos que felicitei este ano. Houbo unha época, cando eu estudaba a 600 quilómetros da casa e dos amigos, en que non había semana en que non mandara ou recibira unha desas cartas de papel. Daquela, animábamos a correspondencia con algunha broma que outra: por exemplo, eu remitín unha vez unha carta escrita en espiral; doutra, mandáronme unha que, meténdose coa miña paixón polo paréntese (que aínda conservo), ía enteira dentro de dous deles. Non cheguei ao extremo dunha compañeira de clase que se queixou a unha amiga de que non lle chegaban cartas e esta última mandoulle unha baralla enteira dentro dun sobre que a miña incauta compañeira abriu… nun ascensor. Esas falcatruadas veñen sendo o equivalente dos pps que usamos agora no correo electrónico. O email ten unha vantaxe sobre o papel: que podes escribir un só e mandarllo a cen persoas diferentes. O papel ten unha vantaxe sobre o email: que a sorpresa que leva o destinatario, acostumado a recibir só cartas do banco, é impagable: é como se na caixa de correo che aparecera un mamut.

Tags:

27 Comentarios a “Cartas”

  1. lola

    Unha vez máis de acordo con vostede,D. Ángel.

    Boa entrada de ano… e que dure!

    http://www.youtube.com/watch?v=DrQRS40OKNE

Comenta

*