116

OÍN FALAR do estado de alarma e funme inmediatamente a buscar un dos exemplares da Constitución que teño na casa. Alí estaba, no artigo 116, igual que os estados de sitio e excepción, dúas figuras que seguro que a moitos se nos fan máis populares (por oídas)… polo menos ata o pasado sábado. Na lei de leis anúnciase un desenvolvemento posterior das tres situacións excepcionais. Por internet, que é un dos mellores medios para poñerse ao día en cuestións constitucionais, descubro que xa están desenvolvidas por unha lei de 1981, só tres anos despois do referendo de 1978. Hai un ano, no noso dixital enquisamos á xente sobre canto sabían da Constitución, e saíunos unha elevada porcentaxe de persoas que aseguraban coñecer o texto completo. Unha compañeira considerouno lóxico, porque hai moito opositor que ten que aprendela enteira. Outros estudámola, como gran novidade, no instituto, pero só temos unha idea aproximada dela: si, sabemos que recoñece o dereito á vivenda, ao emprego ou, polo que atinxe ao meu gremio, á liberdade de prensa, pero non seriamos quen de explicar en que artigo vai cada cousa ou a súa redacción exacta. Pero, no fondo, a Constitución é coma os dicionarios ou as Larousse de papel: obras de consulta. Logo pásanos como o pai de Mafalda, cando vai facer unha consulta rápida a un dicionario e a pequena bérralle: “Así nunca vas terminar de ler un libro tan gordo!”

Tags: ,

Comenta

*