Saúde galega
HAI UNS meses, Javier Marías mostrou por escrito, nun dos seus artigos dominicais, o seu abraio pola imaxe da muller española que se podía sacar da publicidade televisiva. Segundo eses anuncios, as mulleres, cando non se están a perfumar, teñen hemorroides, perdas de ouriños, gases e outras cousas, ademais da cita mensual coa menstruación; os homes, en cambio, teñen males menos ‘desagradables’. O meu admirado escritor madrileño confesábase asombrado. Por sorte para el, non vive en Galicia, porque ultimamente a televisión pública é unha sucesión de anuncios de produtos médicos, paramédicos ou seudomédicos: desde o produto que combate o colesterol (“filla, a túa nai xa non me quere”) ata os iogures de Manolo Escobar, acompañado agora pola súa filla Vanessa; dende as pílulas para a gorxa ata as compresas para poder dar uns admirables pasos de baile… Non sei se é que as casas comerciais están convencidas de que os galegos estamos enfermísimos ou que somos hipocondríacos. Tamén pode ser que, con isto da Crise, non quede máis remedio que coidar dun. O importante, como diremos todos o 22 e o 23 de decembro (despois de consultar a lista das pedreas), é ter saúde, aínda que non haxa cartos para mercar tanto produto milagreiro e san.
Tags: De re varia, televisión