Nobel político

CANDO lle deron o Nobel de literatura a García Márquez, Francisco Umbral escribiu nun xornal madrileño, no que os dous colaboraban daquela (o español a diario; o colombiano, cada mércores), que aquel era o Nobel da paz. Dicía que a Academia sueca, con ese premio, recoñecía a loita de Gabo contra as ditaduras, como cando fixo o anuncio, logo incumprido, de que non volvería a escribir ata que Pinochet deixara Chile. Umbral remataba dicindo que agora xa lle podían outorgar  a García Márquez o de literatura. Abofé que a Academia ten dado algúns Nobel literarios moi políticos (Churchill, por exemplo), pero o máis politizado de todos os premios que se conceden co legado do inventor da dinamita é, indubidablemente, o da paz… ou iso pensaba eu ata que hai uns días lle chegou o merecido recoñecemento a Vargas Llosa. Nesta España crispada e cabreada, onde moitos aproveitan a menor ocasión para tirar a matar, que lle deran o premio a un señor que escribe en español foi utilizado politicamente. Por exemplo, o primeiro que salientou Rajoy non foron os valores literarios do autor de ‘La tía Julia y el escribidor’, senón que é “un liberal”. O líder do PP quedouse, quizais, coa primeira parte da xustificación do Nobel a Vargas Llosa (a súa “cartografía do poder”), aínda que moitos, que non votamos cando lemos, preferimos a última parte, “a derrota do individuo”, sexa coa dereita ou coa esquerda.

Tags: ,

Comenta

*