En branco

DE CANDO EN VEZ asáltame o medo á pantalla en branco. Que cheguen as sete da tarde e aínda non saiba de que escribir, ou que dean as oito e si teña elixido o tema pero non dea coa orientación acaída. Nese intre chegan os nervios e unha bandada de bolboretas invade o meu estómago. Ata hai 105 días (veño de contalos), combatíaa fumando; agora, os chicles non me chegan. Temas, sempre hai varios, polo menos para estas columnas de martes, pero fallan o desenvolvemento, o enfoque ou, sobre todo, o final. Ás veces ocórrenseme ideas brillantes (ou iso me parece), pero non dan para máis de cinco liñas. As salas de espera do Sergas son unhas grandes aliadas, e por iso dende hai anos levo comigo un pequeno caderno no que esbozar Re Varias; en ocasións, a espera é tal que me dá para escribir (sempre o fago a man, para pulir no ordenador) os 1.240 caracteres desta columna. O do caderno está inspirado en parte polos mestres do Novo Periodismo (grandes renovadores da nosa linguaxe) e por un vello conto: trataba da historia dun guionista que nunca recordaba os seus sonos, aínda que sabía que neles aparecíanselle grandes argumentos. Así que decidiu poñer un caderno a carón da cama para apuntar de noite eses sonos. Unha mañá espertou coa sensación de que soñara algo interesante e que o apuntara medio durmindo. Foi mirar no caderno e si, alí había algo anotado, e a brillante idea era… “Mozo coñece moza”. A min, en troques, o que me pasa é que non sei onde carallo metín as notas para este artigo.

Tags:

34 Comentarios a “En branco”

  1. lola

    Gosto moito dos cadernos.Nin libretas nin axendas : cadernos . E acompañados de bolígrafos verdes ou vermellos aínda que non lle direi nunca que non a un bo rotulador violeta fino .

Comenta

*