Paraugas

XUSTO CANDO comezaba unha das chuvascadas máis intensas do mediodía deste luns, o meu paraugas decidiu rachar. Así que aí me teñen a min, cinco minutos antes de que pechen os comercios, á procura dun substituto. Comezo co máis próximo, dúas tendas de fogar. En tempos tiveron paraugas bonitos, pero os de agora son demasiado rechamantes ou moi febles. Sigo polos chineses: téñenos baratos, pero non me convencen. Xa pola tarde, opto pola tradicional tenda de paraugas. E alí descobres o difícil que pode chegar a ser escoller un simple pau cunha tela para protexerte da chuvia: de aceiro, con vara de aluminio, con puño de madeira ou de plástico, máis ou menos flexible, que vira co vento ou non. Despois, o dependente pregunta: Ten que ser negro? Non, respondo. E daquela, o número de paraugas sobre o mostrador chega á ducia. Aí vexo que mesmo nisto hai modas: agora, o que se leva, nos paraugas para homes, son os estampados. Na tenda chegaron a ter un de raia diplomática. E eu, que ía coa idea de comprar un negro normal e corrente, acabo recordando que sempre merquei chisqueiros rechamantes (o mellor xeito de evitar que os demais os confundan cos seus), e decido levar un dos estampados. É o primeiro paraugas metrosexual que compro.

Tags:

Un comentario a “Paraugas”

  1. lola

    Eu profundizaría nese paraugas estampado.Penso que ha querer que o definas un pouco mellor…estampados haiche moitos,mais seguro que ese é especial.Imaxínalo con cara de susto pola banda sonora que vén do faiado?.

Comenta

*