Boa xente

NON HAI moito lin en algures que os regalos son de quen os fai e non de quen os recibe. Quizais hai unha excepción, que son os pequenos e máis estes días. A ver quen se atreve a agasallarlle a un pícaro algo que el non quere. Outra cousa é que os convenzas de que os Reis “veñen pobres este ano”, unha frase coa que os nosos pais nos avisaban aos seis nenos da casa. Así, pedías unha caixa de rotuladores e viña un coche de xoguete; un microscopio e dábanche unha cámara de fotos; unha máquina de escribir e o que deixaban os Magos era un xadrez. A medida que medrabas, colaborabas cos teus pais no feitizo: recordo unha noite de Reis na que convencín á miña irmá pequena de que aquela boneca, ‘encargada’ (haberá nenos léndome?) con moitísimos apuros polo meu pai, era unha xemelga da Lesly que ela pedira. Eran outros tempos, que agora antóllanseme moi remotos. Daquela nin había Papá Noel nin nada semellante, e iso de deixarlles auga ou leite aos camelos era unha tradición novidosa (xa sei que ‘tradición’ e ‘novidosa’ son dúas palabras contraditorias): se viñan cos Magos, xa comerían maxicamente, non? Menos mal que os Reis non só eran máxicos, senón que incluso perdoaban e desculpaban as nosas trasnadas, por tremendas que foran. Que boa xente!

Tags:

Comenta

*