Universal

DE TODAS as noticias recentes, preocúpame moito unha: a condena a dous colegas da Ser por divulgar na web da cadea o nome de 78 afiliados irregulares do PP nun concello de Madrid. Preocúpame a nivel persoal, porque coñezo a un dos condenados, Rodolfo Irago; a nivel local, porque el é de Vigo e o outro xornalista, Daniel Anido, fillo de lugueses, e a nivel profesional, polo que afecta ao gremio e polos contidos da sentenza. O xuíz recoñece que a irregularidade é de interese público, pero aclara que non se pode invocar a liberdade de expresión porque esta só vale para os medios informativos clásicos, e internet, asegura, non é un medio de comunicación social, senón “universal”. Como responsable da web de El Progreso, non paro de darlle voltas a isto último. O xuíz pon en cuestión o traballo de todos aqueles que empezamos nos medios tradicionais e agora intentamos facer xornalismo dixital. Segundo o xuíz, resulta que non existe tal cousa. E non sei se pasar do SMS de solidariedade con Rodolfo a crear un grupo de apoio en Facebook: igual iso si é social, porque é incrible a capacidade de mobilización que teñen as redes sociais. A ver se vai resultar que o xornalismo non é contar noticias, senón o que estou facendo cada minuto.

Tags: ,

Comenta

*