De domingo

ATA NON hai moito tempo, ir ‘vestido de domingo’ era poñerse o mellor que un tiña no roupeiro e lucirse diante do resto da humanidade ou da familia. Pero agora é case o contrario: poñerse o máis informal que un ten ou, simplemente, saír en chándal. Vese nos políticos, que nas fins de semana prescinden da gravata que levan o resto dos días, cando non optan por poñer un xersei, como o que levaba Núñez Feijóo o sábado en Ourense. Coido que o suéter que os políticos de agora locen os domingos é a actualización da cazadora de pana de Felipe González na Transición. No caso destes persoeiros, este atavío dominical vén sendo un xeito de amosar proximidade, sexa co simpatizante ou co afiliado. No caso da xente de a pé, o atuendo informal dos domingos vén sendo consecuencia de que xa ninguén coñece a ninguén, non imos a misa e, polo tanto, xa non temos diante de quen exhibir a potencia do noso fondo de armario. Con tanta modernización, estase a perder o ‘uniforme’ dos nosos avós: americana, camisa, pantalón e, moitas veces, chaleco. Aquel atavío, que aínda manteñen moitos dos nosos maiores nas zonas rurais, era (é), na súa sinxeleza, moito máis elegante que ese estilo ‘casual’ ou informal que agora nos deu por levar os domingos.

Tags:

Comenta

*