Notario para contador

O malo de escribir artigos viscerais é que hai que deixalos repousar e suavizalos despois. Pasoume co do domingo pasado, sobre as eléctricas: na primeira versión había parágrafos demasiado incendiarios, que tiven que puír. Ademais, quedáronme cousas no tinteiro e, por se fose pouco, na web alguén comentou que eu, que paguei a luz por última vez en outubro, son un afortunado, porque hai xente na cidade de Lugo á que Unión Fenosa non lles pasa o recibo dende setembro.

Deixei sen contar que dende hai meses teño un aparello na casa moi sensible, que salta cada vez que baixa a tensión ou se vai a luz. Ten un rexistro e nel vexo que dende o 13 de novembro leva contabilizados dez cortes de luz, o último, o pasado día 23. As eléctricas chámanlles a eses baixóns ‘chispazos’ e non lles dan importancia. O preocupante é que iso non pasa na miña aldea de 798 veciños, senón nunha cidade de 96.678 habitantes.

E hoxe, a piques de rematar este 2009, sigo a agardar que a miña compañía subministradora me cobre a luz que consumín dende o 7 de setembro. Estou seguro de que unha das facturas que me agarda vai estar a cabalo entre o 2009 e o 2010: é dicir, como para dentro duns días se anuncia unha suba da luz, haberá unha parte que me cobrarán a prezo do 2009 e outra coas tarifas novas. Xa pasou algo así a comezos de ano. E eu volvereime a sentir inquedo, case estafado. Porque o que fan as eléctricas é matematicamente correcto, pero… Explícome: en xaneiro cobráronme na mesma factura o consumo eléctrico de 25 días do 2008 e o de 13 do 2009. Como os 25 días representan o 65 por cento do período, facturáronme a prezos de 2008 o 65 por cento do consumo. Xa: e quen me asegura que no 65 por cento dese período eu gastei exactamente o 65 por cento da luz? Quen me di a min que non gastei o 80 por cento (e entón estou pagando de máis) e non o 20 (e entón estou pagando de menos)?

Así que estou por chamar a un notario, para que na tarde deste día 31 levante acta do que marca o meu contador, ese aparello que, por certo (igual que nos ocorre a todos), nin é da miña propiedade nin teño dentro da casa.

Tags:

Comenta

*