Archivo de ‘Partido Popular’ Category

O retorno

Luns, 2 de Febreiro, 2009

Cacharro, na rolda de prensa (Foto: Pepe Álvez)

Foi como nos vellos tempos, aínda que desta volta non había mesa, senón simples cadeiras (o mobiliario do flamante Centro de Prensa de Lugo vai amodo), pero alí estaba el, en martes, non en venres, disposto a darnos unha rolda de prensa. E como nos vellos tempos, a sala encheuse de xornalistas de tódolos medios e formatos. Cacharro Pardo volvía a dar unha rolda de prensa, despois de dezaoito meses xustos (a derradeira como presidente da Deputación foi a comezos de xullo de 2007), e a expectación era a mesma. E o desenvolvemento foi o mesmo: el falou dun tema, deulle varias voltas e, ao rematar, os xornalistas entrámoslle con outro, relativo á actualidade política, e el entrou… e deunos un titular fascinante. De feito, tódalas axencias enfocárono por aí, por esas declaracións súas sobre a suposta “falta de liderado” no PP. Foi Pepe Seijo, da SER e Efe, o que preguntou sobre as expectativas electorais que el cre que ten o PP, e eu (ás veces o amarillismo pode comigo) fun o que o incitou a precisar: “Cando di falta de liderado, refírese a Madrid ou a Santiago?”. E el respondeu: “En todos os sitios”. Xenio e figura. Por iso, ao rematar de todo, algún preguntoulle, xa que agora hai un centro de prensa en Lugo, se non ten gañas de volver a dar as roldas de prensa semanais de antes. “Pero non as segue habendo agora?”, respondeu sorrindo. Si, pero non son o mesmo. Ás veces, mesmo se poden despachar nun breve.

E con isto de falar dun tema e saír con outro, a maioría dos lectores quedaron sen saber do tema orixinal da rolda da prensa. Cacharro contestou ás aseveracións de Antonio Gato sobre as obras que a actual Deputación tivo que asumir ao perder subvencións porque na era cacharrista non se expropiaron os terreos a tempo. O ex presidente insinuou que gran parte de culpa é do actual bipartito provincial, porque estiveron a cambiar capataces e deixaron ao persoal “desorientado”. “Aos traballadores non os impulsan e empezan a cambialos de sitio”, dixo. Deste tema xa falara moito o PP o ano pasado, dando pé a un longo enfrontamento dialéctico entre González Barcia e Manuel Martínez, pero volveuno a sacar Gato estes días.

Por que de Lugo?

Sábado, 31 de Xaneiro, 2009

Raquel Arias saúda a Núñez Feijoo (Foto: Pepe Álvez)Chámame un destacado concelleiro do PP todo alporizado polo que se está a escribir estes días sobre a candidatura de Raquel Arias (na foto, bicando a Núñez Feijoo no acto de presentación da candidatura). O meu interlocutor dime que non lle importa saír citado polo seu nome, pero prefiro non facelo porque correría o risco de que alguén personalizara o tema.

A súa queixa é porque un dos supostos deméritos da candidatura de Arias como número un do PP é, segundo os críticos, que non é de Lugo cidade. O meu comunicante pregúntase: Imos ver, cantos habitantes ten Lugo provincia? 350.000. Cantos ten Lugo cidade? Uns 95.000. “Entón, se Lugo ten só un terzo da poboación, por que o candidato ten que ser forzosamente da capital?” No partido din que porque é a agrupación local máis poderosa ou con máis afiliados, aínda que teño que recoñecerlle ao meu interlocutor que é certo, que o PP tamén incorre nun defecto moi lugués (e sei que me van berrar algúns capitalinos de pro): o embiguismo.

O certo é que a candidatura de Arias caeu mellor no resto da provincia que na capital, non porque Xaime Castiñeira estea peor visto, que non, senón por aquilo de recoñecer (aínda que é un secreto a voces que esa non foi a verdadeira razón da candidatura) o traballo dos concelleiros, afiliados ou simpatizantes de fóra da capital. Terei que recordar aquí que hai zonas de Lugo onde, tradicionalmente, non sempre é ben visto o que vén da aldea grande, que é como a chaman na Mariña ou na ourensá Monforte.

E, por certo, agás erro ou alzheimer, creo que a candidatura do PP é a única da provincia nestas eleccións que non está aberta por un habitante da capital.

Políticos no campus

Mércores, 21 de Xaneiro, 2009

O do campus universitario de Lugo foi unha aspiración de moitos para conseguir que a cidade fora unha referencia no eido da investigación e para que non fuxiran da provincia os máis novos. Pero cos tempos volveuse unha canteira de políticos, e iso vese cando os partidos preparan as eleccións. Xa sabemos que un catedrático da facultade de Administración e Dirección de Empresas, Xosé Manuel Barreiro, é presidente do PP; e hai unha conselleira, Laura Sánchez Piñón, que era docente en Veterinaria, e unha decana de Humanidades, Concepción Burgo, é a número dous do Concello de Lugo.

Pero hai máis: a pasada semana falouse moito de Mercedes Montes, directora da escola de Relacións Laborais, e da profesora de ADE Ángeles Cabarcos, das que din que lles ofreceron postos na lista popular. Os seus nomes son habituais nas quinielas preelectorais que facemos os xornalistas. Tamén era habitual o nome de Sánchez Piñón, a quen lle ofreceron varias veces postos no PSOE que ela rexeitou. Agora, os seus compañeiros de partido rexeitan incluíla nas propostas de candidatura. Era a desexada e agora é a indesexada. Que cousas!

Romanas

Martes, 16 de Decembro, 2008

É ben sabido que hai un certo fariseísmo na clase política española. O PSOE riscou as vestiduras porque o PP apoiou a un partido nacionalista, ERC, para botarlle abaixo os orzamentos ao Goberno no Senado. Os socialistas bótanlle en cara ao PP que agora si lle vala un acordo cos nacionalistas e, en cambio, critique os que subscribe o PSOE con grupos coma ERC, o BNG, o PNV ou CiU. Pero non é a primeira vez que populares e nacionalistas votan xuntos. Na pasada lexislatura, mesmo o BNG ten sacado adiante algunha proposta co apoio do PP. Claro que desta volta o debate incrementouse polas declaración de Tardá e, posteriormente, Fraga. O político vilalbés vén de matizalas este luns. A súa explicación coincide practicamente coa que expuxo a coordinadora do PP no Congreso, Soraya Sáenz de Santamaría, o mesmo xoves onde Buenafuente. Daquela, a parlamentaria do PP dixo que Fraga falaba de pesar, porque “don Manuel é un político que vén da aldea e na aldea usan a romana [un instrumento que obriga a colgar cousas] para pesar”. Non sei que tal lles sentaría ese comentario aos de Vilalba.

Ausencias

Xoves, 11 de Decembro, 2008

Homenaxe a Vázquez Portomeñe en Chantada

Hai uns días déronlle unha homenaxe en Chantada a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, ex conselleiro e ex senador do PP. Foi curiosa a lista de presentes, tanto como a de ausentes. Aínda que en tempos foi todo un persoeiro dentro das ringleiras populares, foi escasa a presenza do seu partido: o alcalde de Taboada, o de Lalín un ex rexedor de Melide e tamén ex senador e algún máis. Faltaba, sen embargo, o alcalde do concello en que naceu, o popular Julio Manuel Yebra-Pimentel, quen tamén foi senador durante un tempo. Para completar o panorama, Vázquez Portomeñe sentou na mesa presidencial rodeado de socialistas: o alcalde de Chantada, o secretario xeral técnico da Consellería de Traballo (que non teño claro que parentesco ten con el), o delegado provincial desta consellería e o único senador en activo presente, Luis Anxo Lago Lage. Foi este quen lle entregou a insignia conmemorativa do acto, mentres que o alcalde, Manuel Anxo Taboada, ocupouse de darlle a placa do premio que recibiu, como testemuña esta foto que tomo prestada do mestre Villarabid.

Os 86 de Fraga

Domingo, 23 de Novembro, 2008

Foto de Fraga na súa ficha do SenadoResúltame complicado esquecer a data de nacemento de Manuel Fraga, que hoxe cumpre 86 anos. Non, non pensen que eu son un fraguista recalcitrante; a razón é moito máis persoal: tamén a miña nai naceu un 23 de novembro, como o anterior presidente da Xunta, aínda que uns cantos anos despois. Os dous tiveron e teñen, obviamente, existencias ben distintas. Por exemplo, a miña nai non aparece en internet; o ex presidente, si: preto de 400.000 referencias en Google para “Manuel Fraga” (entre comiñas).

Pero Fraga, con todo, ten unha existencia cibernética ben estraña. Co cambio na Xunta, a súa biografía, que antes era moi extensa (Chegara Pérez Varela a editala en varios tomos?) quedou reducida a 217 palabras na web do Goberno galego; González Laxe, que durou menos, ten 250. Para atopalas as dúas, por certo, hai que fisgar ben na web autonómica. Así que a máis completa é a que ven na Wikipedia, máis incluso ca da supostamente máis próxima Galipedia (a versión española relaciona a súa obra; a galega, non).

Sen embargo, o político lugués vivo máis sobranceiro está case xubilado en internet. Abonda con pasar por Lalistawip, unha páxina que recolle a popularidade que ten unha persoa na rede. Fraga é o número 10.955 do mundo e o 504 de España. Está por detrás doutros políticos galegos, como Anxo Quintana (5.500), Pérez Touriño (4.801) ou José Blanco (2.709) e mesmo outro vilalbés famoso, Antonio María Rouco Varela, presidente da Conferencia Episcopal e número 9.678 en popularidade cibernética mundial, sempre segundo esa web.

Sorprendente é tamén ver que a Fundación Manuel Fraga non ten reservado o seu dominio; a entidade que vai gardar o legado do senador ten unha curta presenza en internet, aínda que xa leva constituída dende 2004.

Pero a don Manuel semella que lle importa pouco isto dos enderezos web. Os dominios Manuelfraga.com, .es, .net e mesmo .org, que son os máis sinxelos para un cibernauta español, están collidos… Curiosamente, o propietario é un xornalista asturiano pioneiro nisto dos medios dixitais. Si está dispoñible o .cat.

Por certo, a foto que acompaña estas liñas é a que figura na ficha oficial de Fraga na web do Senado: xa ven, a este home isto das novas tecnoloxías non parece preocuparlle moito.

Ah: feliz cumpreanos. Aos dous, claro.

Concelleiro provocador

Sábado, 22 de Novembro, 2008

Outro contiño de alcaldes. Hai un na provincia de Lugo, do PSOE, que sofre en cada pleno as turradas do voceiro da oposición, do PP. Son turradas provocadoras, porque semella que o concelleiro da oposición aspira a que o boten do pleno, unha cousa que queda moi ben se hai fotos ou comunicados posteriores. No último pleno, o rexedor avisouno xa de que “nin o vou botar neste pleno nin en todo o mandato”. Haberá que ver que provocacións poden chegar a discorrer.

A ledicia do PP

Sábado, 15 de Novembro, 2008

Barreiro e García Díez falan no pleno (Foto: Xesús Ponte)

Andan no PP moi ledos co resultado da cuestión de confianza no Concello de Lugo. Xa o dicía Luis Lamas o pasado martes: o seu partido mailo PSOE (ou, mellor, o alcalde) foron os claros gañadores da contenda. No PP teñen dous motivos de satisfacción: un é que a actuación de Xoaquín García Díez no pleno serve para calar de vez aos que pasaron un ano reprochando o pacto co PSOE para aprobar os orzamentos do 2007. O outro motivo de satisfacción é ver como picaron o anzol da moción de censura que tirou Xosé Manuel Barreiro. Acaso alguén pensaba que PP e BNG van gobernar xuntos nalgún sitio de Galicia… polo menos antes das eleccións autonómicas? Pois, aínda así, o PSOE e o BNG tomaron en serio a cousa e puxéronse nerviosos. Tanto, que o Bloque anunciou a abstención antes de tempo. Co ben que tería quedado agardar ata o pleno (ou votar en contra e ter un mes desacougado a López Orozco)!

Resta por saber como queda Xosé Anxo Lage despois disto. Algúns dos paxariños malvados que me subministran rumores insinúan que esta é unha manobra da U para botar polo río abaixo ao seu voceiro municipal e pelexado candidato á alcaldía. Pero aínda queda moito mandato municipal por diante e pode pasar de todo.

Por certo, nalgún confidencial din que o sentido do voto do PP decidiuse en Santiago e fanse eco do rumor dun suposto afastamento entre Barreiro e García Díez (na foto, os dous falan no pleno do luns 10 con Cristina Ares no medio). E eu que pensaba que ese rumor saíra dende as ringleiras do PSOE! Por certo, non sei se serán os mesmos que andan a dicir que García Díez vai ser o cabeza de lista para o Parlamento galego. Que cousas!

O aniversario

Luns, 22 de Setembro, 2008

Xosé Manuel BarreiroAlgúns temos que celebrar os aniversarios traballando. É o caso de Xosé Manuel Barreiro, quen celebrou os seus 51 anos o día 18 sen poder ir xantar cos seus. A cear, si, aínda que chegou co tempo xusto, porque a iso das nove da noite aínda andaba pola sede do partido en San Marcos falando cuns moteiros, que se foron queixar desas coitelas que os que imos en coche chamamos quitamedos. Creo que o tema vaino levar o PP ou ao Senado ou á Deputación ou aos dous sitios.

Que o leven ao Parlamento galego tamén, que a conselleira Caride tamén é moteira.

Xuntanza secreta?

Xoves, 4 de Setembro, 2008

Este venres, Núñez Feijoo e Barreiro vanse reunir en Lugo cunha ampla representación da clase empresarial. Dende hai días xa se sabía da xuntanza, pero chegoume algunha interpretación preocupada, como se fora un encontro secreto. Home, é posible que haxa acordos e conversas que non transcendan, pero o certo é que a xuntanza forma parte da campaña Galicia en voz alta. Hoxe, por exemplo, Barreiro mantivo unha destas xuntanzas sectoriais en Sarria, co sector do turismo rural.