Archivo de ‘Partido Popular’ Category

Os protagonistas da semana

Sábado, 31 de Outubro, 2009

Da páxina deste domingo caeu (sobraban un milleiro de caracteres, sen esaxerar) unha pequena nota que eu tiña sobre Manuel Lorenzo Varela, o ex alcalde de Chantada que esta semana consumou o cisma do PP. Ía recordar que unha das amizades fieis que lle quedan, quizais porque é doutro partido, é o actual alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. Neste blog hai testemuño disto: aquela aperta cariñosa que se deron, como dous amigos de toda a vida que son, o 28 de maio de 2007, cando un xa sabía que ía ser alcalde de Becerreá e o outro, que ía perder a poltrona municipal en Chantada. É curioso como están ligadas unhas cousas a outras. Martínez, deputado delegado de Infraestruturas, é agora, polo menos en teoría, o xefe na Deputación de Xoán Xosé Díaz Valiño, alcalde de Castro de Rei e deputado delegado da rede viaria provincial, quen foi o outro nome propio da actualidade política nesta semana que agora termina.

Sen novidade en Láncara

Sábado, 24 de Outubro, 2009

Un compañeiro de Redacción comenta que, ao final, en Láncara está todo igual que hai vinte anos. A diferenza é que daquela o PSOE estaba no goberno. 26 anos, máis dun cuarto de século, hai que Eladio Capón chegou á alcaldía nas filas socialistas, e catorce hai que se deixou seducir polos cantos de serea de Francisco Cacharro e decidiu integrarse no PP. Aquel fora un duro golpe para o PSOE, que non volveu levantar cabeza… ata as eleccións do 2007. Agora, está por ver como lle afecta aos socialistas este novo afastamento do goberno. Ao final, sempre é Capón o que bota ao PSOE da alcaldía.

No 95, Cacharro tivera que acalar unhas cantas voces no PP local, porque non todo o grupo vía con bos ollos a integración de Capón. Un dos máis significados e máis afectados por ese caso de transfuguismo fora, o que son as cousas, o propio Ricardo Núñez Valcárcel, que foi o cabeza de lista popular no 91. Disque dende entón as relacións entre os dous non son precisamente boas, aínda que de cara ao exterior aparentan ser moi amigos. Quizais iso fose o que levou a Núñez a promover a candidatura de Tega hai dous anos e a deixar na estacada ao seu anterior xefe, pactando con Darío Piñeiro.

Na candidatura do PP do 91 tamén figuraba Manuel Castro Castro, Monarca, quen no 95 foi abrindo a lista do BNG e no 2007, pechándoa.

Como ven, a vida política de Láncara está marcada polos cambios de rumbo. Este venres, o alcalde censurado, Darío Piñeiro, proclamaba que Núñez Feijóo lle ofrecera deixar o PSOE polo PP. Hai uns anos, nunha época de preparación de candidaturas, chegara a rumorearse que os socialistas ían fichar de novo a Eladio Capón. Sei que o comentara con algún alto cargo socialista e contestoume: “Ti estás tolo!” Pero coa política de Láncara podes agardar calquera cousa, aínda que non haxa novidades.

O fiscal e o ‘Gürtel’

Luns, 19 de Outubro, 2009

Seica estes días viron nas casetas do polbo de Lugo a Jesús García Calderón, o que fora fiscal xefe de Lugo antes que Jesús Izaguirre, e que agora anda polo Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía. Tería sido interesante atopalo para saber se está seguindo cun interese persoal as evolucións do caso Gürtel. Porque as súas investigacións, as que levaron á cadea ao anterior alcalde do Vicedo, Isaac Prado Villapol, foron orientadas nalgún momento cara ao posible financiamento irregular dalgún partido de Lugo. Nin Calderón (que, por certo, pechou o seu blog literario) nin Izaguirre descubriron ren, e non sei se nalgún momento chegaron a atoparse, sobre todo o primeiro, con Pablo Crespo, tesoureiro do PPdeG naquela época. Tendo en conta que o tesoureiro era un recomendado de Xosé Cuiña e que este tiña gran predicamento no PP de Lugo, algúns xa empezan a preguntarse se acabará por saír mencionada a provincia no sumario.

Feijóo, vidente

Mércores, 23 de Setembro, 2009

Non, non pensen que o noso presidente da Xunta se volveu adiviño despois de leren este titular que, recoñezo, é enganoso.

Hai uns días, mirando o teletexto de TVE (por que o terán tamén na canle infantil e non na deportiva?), vin que anunciaban unha páxina dedicada á “videncia galega e xitana”. Sorprendido pola mestura, fun ata alí, ata a páxina 652. E, efectivamente, alí aparecía un anuncio dunha vidente “galega de nacemento” que se chama Octavia… Feijoo. Non sei se terá algo que ver co presidente, nin se se coñecen ou se ese é o seu nome real. Que sorprendente é o teletexto!

Á procura do candidato

Martes, 22 de Setembro, 2009

De súpeto, sen máis, pasamos de non saber se García Díez vai optar de novo a ser alcalde de Lugo a dar por feito que o cabeza de lista do PP vai ser Xaime Castiñeira. No partido aínda non deron a confirmación oficial, pero esta non vai tardar moito, porque Mariano Rajoy quere reunir este outono (nalgún sitio lin que mesmo este mes) seus presidentes provinciais para que se proclamen os cabezas de lista das capitais de provincia de España nas eleccións municipais de 2011. El xa deu exemplo anunciando que Rita Barberá vai optar a recuncar en Valencia. A pretensión do partido é, por un lado, evitar que as liortas internas poidan atrasar a proclamación e, por outro, darlle tempo para asentarse aos que sexan novatos.

O certo é que hai unhas semanas, cando eu comentei, nun dos meus Septenarios dominicais, que García Díez non vai repetir, no PP non pareceron expresar unha inquietude desaforada. Home, está claro que prefiren ao último cabeza de lista, pero “temos canteira abondo”, dicían no partido. O feito de recoñecer que teñen canteira era, tamén, un xeito de admitir implicitamente que García Díez non repite (o último rumor sitúao nun posto dun futuro Goberno de Rajoy). E o interesado deu pábulo aos rumores cando aos poucos días do Septenario lle preguntaron polo tema e el, en lugar de saír co tópico “é moi cedo para pensar en iso” ou o non menos tópico “eu estou sempre a disposición do partido”, dixo que necesitaba un prazo para pensalo e que xa comunicaría a súa decisión máis adiante. “Temos canteira”, repiten no PP, pero por agora, ou iso parece, o mellor colocado é Castiñeira.

Os libros na oposición

Xoves, 30 de Xullo, 2009

Un amigo, xefe de prensa, tiña no seu despacho un cartel no que poñía Os políticos nunca superarán a proba das hemerotecas. A miña memoria recórdame estes días que a polémica sobre a gratuidade dos libros de texto tamén marcou o comezo da anterior lexislatura galega, a do bipartito, e voume á hemeroteca. Daquela, as posicións dos tres partidos principais eran diferentes, e a do PP era defendida por unha luguesa, Manuela López Besteiro.

A deputada lucense fartouse de repetir que a gratuidade dos libros de texto era unha “operación de márketing” e “de imaxe” do bipartito, ademais de salientar que a proposta xa partira da Administración Fraga. O 4 de setembro de 2005, El Progreso recolle a súa preocupación pola “falta de referencia do presidente da Xunta ao programa de gratuidade dos libros de texto”. Alí, a parlamentaria salienta que o obxectivo do último Goberno de Fraga era acadar no ano 2007 “a gratuidade total dos libros de texto de ensino obrigatorio”.

Oito días despois, López Besteiro, daquela voceira de Educación do PPdeG no Parlamento galego, acusou á Xunta de “enganar” ás familias e “non cumprir coas súas promesas, posto que non garantiza a gratuidade dos libros de texto e os pais terán que aboar entre 53 e 65 euros por cada alumno de Primaria”. O 8 de xullo de 2006, a parlamentaria defendía o plan pero consideraba que “xeralizar a gratuidade foi unha medida máis de imaxe que de realidade”.

Abofé que dan xogo as hemerotecas.

Ecos de Madrid

Martes, 21 de Xullo, 2009

Leo na prensa de Madrid que en certos círculos do PP empeza a ser un clamor a solicitude de que Mariano Rajoy destitúa a Luis Bárcenas, senador e tesoureiro do partido, imputado provisional polo caso Gürtel. Porén, a consigna oficial é o silencio cara fóra, agás Esperanza Aguirre, que sempre vai por libre con tal de torpedear ao presidente do PP. En Galicia, mesmo Núñez Feijóo tense saído pola tanxente cando lle preguntaron polo caso e os seus derivados (creo que a pregunta concreta ía sobre o seu homólogo valenciano) nunha rolda de prensa en Santiago.

Pregúntolle a Xosé Manuel Barreiro, mandamáis provincial do PP de Lugo, que é compañeiro de grupo de Bárcenas no Senado (no listado alfabético, curiosamente, van seguidos), e atense á consigna oficial: silencio. Segundo conta, o seu trato con el non ten pasado dalgún cortés saúdo, deses que das cando te cruzas cun coñecido nunha escaleira, por exemplo. Así que pregunto noutros ambientes do PP, de xeito off the record, e o certo é que tamén en Lugo están devecendo por que Rajoy se cargue a Bárcenas. Os populares dan un argumento de peso: o caso Gürtel e a inacción do PP nisto constitúen unha vía de escape para Zapatero e o seu Goberno, a quen os populares acusan de estar totalmente bloqueado. “Témolo acurralado, pero dámoslle unha vía para desviar a atención”, comenta un membro do PP. Pero Rajoy é moi seu, e os populares, os de Lugo e os de resto de España, teñen que seguir agardando acontecementos.

Teorías políticas

Mércores, 15 de Xullo, 2009

Hai políticos que fan, en certo xeito, teoría política, porque non todo consiste en simplemente xestionar e gobernar. Por exemplo, Zapatero fixo toda unha doutrina (por chamalo dalgún xeito) ao redor do talante, utilizado en oposición á acritude despótica de que facía gala Aznar nos seus últimos anos. En Galicia, Xosé Cuiña inventou a autoidentificación, que nin é nacionalismo, nin galleguismo, nin independentismo, nin autonomismo, pero que ten un pouco de todo. Creo que foi outro galego, Fraga, o que conseguiu que a Constitución falara de autonomías e non de nacionalidades, como querían os máis nacionalistas. E agora, sen cumprir os cen días de mandato, Núñez Feijóo saca da manga outra desas expresións que promete quedar para a posteridade: galeguismo cordial.

Ben está que os pais da patria teoricen. Así polo menos sabemos que utilizan a cabeza para algo más que para amolar ao contrario ou xestionar os cartos públicos.

Memoria de discursos

Sábado, 4 de Xullo, 2009

A planta de Leite Pascual da que falaba onte faime resucitar a ese Avó Cebolleta que todos levamos dentro (si, o das batalliñas) e que, a medida que vas gañando anos, vai saíndo máis veces. Digo isto porque creo recordar que eu estivera na inauguración oficial daquela planta, aló pola primeira metade dos noventa (1993? 1994?). Recordo, por exemplo, que fora o falecido Anselmo Sampedro, daquela secretario comarcal de CC.OO., quen contara á prensa que Leite Pascual ía abrir unha planta en Lugo. Fora el tamén, por certo, quen moito batallara para que se instalara nesta provincia a planta de Prefabricados Pacadar, e finalmente conseguiu que fora para Outeiro de Rei. Nas inauguracións, por suposto, estivera Manuel Fraga, que en Galicia parece que unha empresa privada non anda se antes non a bendice un cura e a inaugura un político. E recordo especialmente a inauguración porque foi a primeira vez que me decatei de que Don Manuel ía á súa bóla nos discursos. Os xornalistas recibíramos unha copia antes do acto, pero cando intentamos seguir o que dicía o presidente, descubrimos que faltaban cousas e que outras saltábaas alegremente.

Moitos anos despois, xa neste século XXI, nunhas xornadas de comunicación de Vilalba (das que organizaba Pérez Varela a finais de novembro, coincidindo co aniversario de Don Manuel), decateime tamén de que o ex presidente da Xunta xa se comía menos frases dos discursos preparados que traía. Ás veces, facía algunha digresión persoal (nomeadamente, lembranzas de infancia), pero despois era quen de volver sen dificultades a retomar o fío. Hai políticos máis novos que son incapaces de facelo.

‘Alcaldables’

Martes, 23 de Xuño, 2009

A verdade é que esperaba que alguén se queixara polo meu prognóstico do domingo 7 de xuño de que ningún cabeza de lista dos partidos maioritarios vai repetir nas vindeiras eleccións locais no concello de Lugo. Pero non recibín chamada ou queixa ou expresión de malestar algunha. Só López Orozco me fixo un cariñoso e sorrinte comentario tres días despois, aproveitando a súa estancia no xornal para entregar os Premios Muralla. Dixo que Gómez Besteiro e el se fixeran unhas risas o domingo lendo a miña crónica. Por se acaso, xusto unha semana despois, o pasado 14 de xuño, en El País, o alcalde proclamaba que se vai presentar á reelección “indubidablemente que si” e que o vai facer “con forzas e ganas”. Xosé Anxo Lage non abriu a boca ao respecto, e García Díez si que a abriu, pero para deixar máis dúbidas: nin que si nin que non, dixo escudándose detrás dunha realidade incontestable: quedan aínda dous anos para as eleccións.

Esa é, por certo, a liña oficial do PP (“Pero se vimos de saír de dúas eleccións! Que queredes? Unha cada seis meses?”, protestoume entre risas Xosé Manuel Barreiro hai uns días). E a do PSOE é a de sempre: o normal é que repita o alcalde naqueles concellos onde se goberna. Pero aínda falta moito para o último domingo de maio de 2011, que vén sendo o día 29. Ese ano non haberá problemas coa Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que caerá en xullo (o Venres Santo é o 22 de abril).