Archivo de ‘Xunta’ Category

Que difícil é atopar un inspector

Martes, 2 de Xuño, 2009

Contaba na crónica deste domingo que un dos postos que más complicado está resultando de cubrir na estrutura provincial da Xunta en Lugo é o de inspector xefe de Educación (hai que aclarar a consellería, xa que tamén existe este cargo, por exemplo, na área de Transportes). Houbo xa varios ofrecementos, pero por agora ninguén aceptou. Mesmo llo ofreceron a un dos delegados provinciais da Consellería de Educación nos tempos de Manuel Fraga, pero declinou a oferta.

No fraguismo, os inspectores tiveron moito peso na política luguesa, tanto na educativa como na xeral: eran inspectores o último conselleiro, Celso Currás, e tamén os dous últimos delegados provinciais, Pablo González Moreiras (que despois foi o último director xeral de Política Lingüística de Fraga) e Xaime Santoalla. Non recordo se o predecesor do primeiro, Ángel Fernández, tamén era inspector. E do gremio era, claro, o home que máis mandaba en Lugo, Francisco Cacharro, presidente da Deputación Provincial.

Na Deputación, á fronte da área de Infraestruturas, está agora un dos inspectores que máis rebumbio armou co seu nomeamento, Manuel Martínez, quen conseguiu a praza dun xeito que lle valeu varias críticas de parte do PP. Supoño que este socialista, alcalde de Becerreá, é un dos que non encaixa no perfil da persoa que están a buscar para inspector xefe. Ao final, é probable que siga sendo Federico (non din atopado o apelido), o actual, un home que ten tido varias discrepancias con algún alcalde da Montaña.

Lucenses sanitarios

Luns, 18 de Maio, 2009

A Miguel Ángel Fernández sacárono da xerencia do complexo hospitalario Xeral-Calde de Lugo para que ocupara un escano no Parlamento galego, co convencemento de que ía recuncar, pero chegou o inesperado batacazo do 1-M e as ilusións deste médico socialista de Sarria quedaron truncadas. Despois chegou a posibilidade de acceder á cadeira previa dimisión dalgún dos que están antes que el na lista (xa escribín sobre as posibilidades que tiña Concepción Burgo de ser subdelegada do Goberno), pero tamén se truncou. Pero a nova executiva do PSOE galego conta con el: veñen de nomealo responsable da área sanitaria do PSdeG. E o home tomouse o traballo a peito. O mesmo día en que saían os primeiros nomeamentos do Sergas, o ex deputado xa emitiu un comunicado criticándoos. Iso si que é aplicarse.

Entre eses nomeamentos, por certo, figura Pablo Torres Arrojo, que vai ser o responsable da área económica do Servizo Galego de Saúde. Trátase dun lugués que fixo carreira en Madrid e que é fillo dun médico que foi un alto cargo na Sanidade luguesa. O pai era un home moi prezado, por certo, igual que a nai, tamén traballadora da área sanitaria.

Apuntado no paro

Domingo, 17 de Maio, 2009

Cóntanme un chascarrillo bastante curioso, que non puiden comprobar: algún delegado provincial da Xunta bipartita en Lugo pasou serios problemas cando foi apuntarse no paro. Quixo apuntarse como delegado, pero non cotiza ou non figura nas categorías profesionais, así que pediu que o apuntaran como deputado… pero tampouco valía. Finalmente, quedou inscrito como sociólogo. Curiosa saída.

Sempiterno Labrada

Sábado, 16 de Maio, 2009

O que foi o primeiro subdelegado do Goberno de Lugo, José Antonio Labrada Losada, non para de saír en tódalas quinielas da nova Xunta. Primeiro, que se podería ser o superdelegado provincial; despois, que se vai ser o xefe territorial de Educación… Finalmente, ningunha das dúas especulacións chegou a bo porto. Unha mala lingua ben informada coméntame que Labrada, unha persoa moi afable e moi querida en Lugo, ten máis amigos que posibilidades de cargos.

“Dereita fría”

Sábado, 9 de Maio, 2009

Vexo, nunha entrevista das do domingo pasado, que Pachi Vázquez, o novo secretario xeral do PSdeG, di que Núñez Feijóo practica unha “dereita fría”. É unha definición que me gusta, o cal non quere dicir que a comparta plenamente. O certo é que, no tocante a Lugo, o presidente está a encher a Xunta de xente de forte perfil técnico. Un amigo xornalista comenta que é un xeito de que ninguén lle faga sombra; tamén é un xeito de demostrar, matizo eu, que este non é o PP de Fraga: non parece que estes conselleiros e altos cargos sexan moi dados ás festas e ás turnés inaugurais polas catro provincias. Ao final, sairemos perdendo os xornalistas… ou beneficiados: xa non teremos que pedir axuda a outras seccións para cubrir as visitas de cinco conselleiros no mesmo día e en idéntico tramo horario a Lugo.

Lucía do Incio

Mércores, 29 de Abril, 2009

Lucía Pérez, nunha actuación en Lugo en novembro (Foto: Ana Lamas)Anda moi contento o alcalde do Incio, Ángel Camino Copa, pola elección dunha intérprete da súa vila, Lucía Pérez, para cantar o himno galego na toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Camino está máis contento que se lle deran a el a Consellería de Sanidade (diana de moitos dos seus dardos nos últimos tempos). Disque o equipo do novo presidente soubo da existencia da rapaza por mediación do propio Camino, que lles regalou o último disco da cantante. O disco é case un dos agasallos oficiais do Concello: un bo xeito de promocionar a xente da terra.

Tamén a propia Lucía é da casa para os da Xunta, pois xa se sabe que saíu dun programa dun ente dependente da Administración autonómica, TVG. Por certo, supoño que nesta nova era popular O Gayoso seguirá co seu Luar, un programa polo que non pasan nin os anos nin os gobernos.

A toma de posesión seguina no coche, de viaxe, e case dou un bote cando oín á locutora da RAG dando paso ao Obradoiro, porque “imos falar con Alberto”. Tanta familiaridade xa co novo presidente? Pero non, foi unha falsa alarma: o tal Alberto non era Núñez Feijóo, senón un compañeiro da RAG.

Demoras cibernéticas

Domingo, 26 de Abril, 2009

No post anterior teríame gustado meterlle un link ao conselleiro, máis que nada por iso de irnos familiarizando cos novos membros do Goberno galego (o link, por suposto, tería sido coa consellería)… pero foime imposible. Porque resulta que nestes tempos de cambio, nos albores da oitava lexislatura, as respectivas webs oficiais andan pouco actualizadas. Este sábado, por exemplo, era Alfredo Suárez Canal, o ex conselleiro, e non Samuel Juárez, o lugués da Bañeza, quen seguía saudando aos que visitaban a páxina da Consellería do Medio Rural. Era de supoñer que a web dun departamento que non cambia de nome sería de máis sinxela actualización, pero xa se ve que a fontanería de San Caetano é complicada abondo.

Non naveguei moito estes días polos dominios da Xunta, pero algunha compañeira conta que as webs están pouco actualizadas. Na principal, ningunha das consellerías ten, por exemplo, ligazón co seu respectivo sitio.

Nisto son máis rápidos os socialistas. En xullo do 2007, a web da Deputación de Lugo xa tiña o discurso de investidura de Gómez Besteiro unha hora e pico despois de rematar, e daquela xa era o político socialista o que saía no Saúda do presidente e non o anterior. Máis recentemente, José Blanco tomaba posesión da web do Ministerio de Fomento ás poucas horas de tomar posesión do departamento, e os lectores xa podían ver as súas fotos oficiais. Agora haberá que agardar a ver canto tardan os populares en redeseñar (e non só actualizar) todas as webs da Xunta: nos tempos do bipartito, houbo algunha que tardou máis dun ano. Por certo, saberá alguén o número exacto de páxinas webs que dependen da Xunta ou algún dos seus entes autónomos?

A primeira foto, cun do BNG

Sábado, 25 de Abril, 2009

Fernando Suárez e Jesús Vázquez, en Ribadeo, o 22 de abril (Foto: José Mª Álvez)

Iso de que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez (xuro que o domingo pensei que era o presidente da federación veciñal de Lugo, que creo que ten algún vencello co mundo educativo), fixera a súa primeira visita oficial (polo menos en Lugo) a un concello gobernado polo BNG (Ribadeo) é moi significativo. Por certo, xa se decataron de que o departamento responsable da educación e da política lingüística segue a estar nas mans dunha persoa da Galicia interior?