Archivo de ‘Digresións’ Category

25 de xullo

Venres, 25 de Xullo, 2008

Lucía Pérez, cantante do IncioTal día como este 25 de xullo, o meu avó materno, que naceu nun pobo de infausto nome (A Escravitude, Padrón), collía pola mañanciña o tren de balde (traballaba na Renfe) e ía a Santiago, para ver o concerto das bandas o día do Apóstolo. Que eu recorde, sempre ía e volvía só.

Sempre o lembro nesta data. Agora, a xente segue a ir a Santiago, pero non para oír ás mellores bandas de Galicia, senón para facer turismo (“luxo para eles, destrución da terra para nós”, di estes días a AMI) ou por motivos políticos. Daquela, claro, cando o meu avó ía a Santiago, o 25-X non tiña compoñentes políticos. Supoño que agora, el, que viviu corenta anos co medo no corpo, asistiría abraiado ao despregamento que fan estes días os seus, os da esquerda, aínda que, se cadra, igual quedaba na casa vendo a tele.

A véspera do Apóstolo en Santiago tivo, por certo, un par de toques lugueses: por unha banda, a canción-himno dedicada a Compostela que interpretou Lucía Pérez, a cantante do Incio (velaquí a teñen, na bucólica foto de Xesús Ponte), na gala especial que conducíu Carlos Blanco, ese home que agora semella que presenta tódalas galas especiais da TVG. O outro toque foi o da fonte cibernética que colocaron no Obradoiro durante a queima da fachada da catedral. Cuspidiña á da Fonte dos Ranchos!

Por fin fixeron o Gran Suarna!

Mércores, 25 de Xuño, 2008

Creo que xa contei algunha vez que gusto de ler cousas ben raras. Por exemplo, divírteme botarlle un ollo ás primeiras páxinas das guías telefónicas (as de información xeral). Ver, por exemplo, se a miña rúa sae ben trazada ou non. Hai tempo, nas de Telefónica, Chantada saía preto da costa e Vilalba era case da provincia de Ourense. Agora arranxárano. Aínda que isto non é nada en comparación cos erros toponímicos: Sarria sempre aparece cun acento no último a, como o barrio barcelonés; e no mesmo mapa pode figurar un Castro de Rey en castelán a carón dun Vilafernando en galego.

Pero os de QDQ, que repartiron hai pouco en Lugo a súa edición 2008-09, superan todo o imaxinable co seu mapa. Velaquí a mostra:

Mapa co Gran Suarna

E algún naviego que viva fóra da vila debe de estar flipando: meu Deus, construíron o Gran Suarna, e eu sen sabelo!!! Mira que debe de ser complicado facer un encoro e que non o saiba ninguén. Tardaron setenta anos, a xustiza botou abaixo o proxecto e, ao final, o que non puido facer Saltos del Navia fíxoo unha guía telefónica. E o caralludo do caso é que o suposto pantano aparece grande: máis có de Salime.

E, por suposto, pedir exactitude noutras cousas do mapa é imposible: segundo tal obra de arte, a autovía do Cantábrico non pasou aínda de Reinante, pero, en cambio, a das Pontes a Vilalba xa está acabada. Isto si que é imaxinación.

No xornal gardamos algunha guía antiga (unha reminiscencia de cando as empresas telefónicas non repartían para todos e internet non estaba tan adiantado). O mapa, polo visto, leva saíndo así polo menos tres anos. Na edición deste 2008 non vén o nome do autor, pero si na do 2006: é unha empresa de Barcelona que se gaba de vender para todo o planeta. Como serán os de fóra de España?

Sorpresas en Pol

Venres, 2 de Maio, 2008

Casa e web de PolO outro día, buscando información de varios concellos, descubrín ata onde chega a especulación inmobiliaria. Mesmo a Pol! E iso que parece un concello tranquilo e rural, en declive coma todas. Ocorréuseme clicar na galería fotográfica (invitan a iso na portada) e na sección de Arte e arquitectura atopeime esta curiosa foto ao final. Poño a foto e a web, porque seguro que a retiran un día destes. 

Muller na web de PolNon tendo coñecemento de que teñan algo así en Pol, pregúntome se será un proxecto (é de supoñer que urbanístico) de alguén.  

Tamén me pregunto quen será esa muller que sae na categoría Varios (1)

Que sorpresas dan algúns concellos!

(1) Supoño que será unha foto de proba de cando estaban facendo a web, pero poderían telo retirado… ou darlle máis calidade, no caso de que sexa unha veciña.

Entrañable

Luns, 28 de Abril, 2008

Encántame ese detalle entrañable que conta Lara Méndez, vicepresidenta segunda da Deputación, na sección Entre Pucheros de La buena vida, o noso suplemento dos sábados. Iso de que a nai lle manda comida cando vai a San Cibrao. Calquera agardaría unha cousa así dun político (política neste caso) de sona. Que tería sido de nós sen as nosas nais rurais e os seus saborosos envíos? E que tire a primeira pedra o que nunca o fixo.