Archivo de ‘Digresións’ Category

Soraya

Domingo, 18 de Xaneiro, 2009

Soraya Sáenz de SantamaríaO venres vimos na primeira de El Mundo o anuncio da sorprendente e íntima reportaxe deste domingo con Soraya Sáenz de Santamaría, a voceira parlamentaria do PP. Este sábado, Pilar Cernuda contaba que o director do xornal descualificaba á política popular por se prestar a esta reportaxe (!!!!). Pero recordo que cando vimos a foto creo que todos os xornalistas pensamos o mesmo: que boa idea esta de sacar aos políticos na intimidade. É un xeito de desmitificar a estas persoas que son tan normais como as demais.

Pregúntome que político de Lugo se prestaría a saír como Sáenz de Santamaría. En El Progreso fixéramos, hai anos, algo semellante cunha serie de entrevistas de Antón Grande con famosos de Lugo nos recunchos favoritos das súas casas. E non hai moito sacáramos unha tremenda reportaxe con Lara Méndez na súa pobre cociña. Pero non me imaxino unha foto de López Orozco en batín, outra de García Díez cepillando os dentes ou outra de Xosé Anxo Lage remedando a Fred Astaire. A este último si que o temos sacado cociñando e os últimos que publicamos en posturas informais foron varios políticos lendo. A máis atípica era Raquel Arias, que estaba con El guardián en el centeno cos pés enriba do sofá.

 

Despiste

Venres, 2 de Xaneiro, 2009

Hai uns días, armouse unha boa na Fonsagrada… por culpa da Garda Civil. O derradeiro domingo do 2008, queimaron unhas pallozas que había na praza da vila para a Feira do Nadal, e ao pouco a Garda Civil detivo a tres homes, como supostos autores. Pois ben, na nota oficial confundiron as iniciais dun dos detidos coas dunha das persoas que foi declarar como testemuña. E a este, totalmente inocente (coa mesma idade que o detido), estivérono amolando toda a tarde. Por este despiste, houbo que mobilizar aos axentes do corpo, que finalmente chamaron aos medios informativos para aclarar a confusión. Para que logo digan que na Fonsagrada non están ben e puntualmente informados.

Nadal

Mércores, 24 de Decembro, 2008

Hai tempo, dende que a comprou Cimpor, que Corporación Noroeste ten pouco de luguesa, agás as canteiras e a fábrica de Oural, Aínda así, o seu agasallo institucional deste Nadal si que ten acento lugués. Trátase dun precioso libro, en edición de luxo, titulado Galicia: nai e señora, escrito en tres idiomas (galego, castelán e inglés, por esa orde), que ten como autores ao ourensán Carlos Casares, o semi ribadense Xavier Rodríguez Baixeras e o lancarao Basilio Losada. 

Felicitación de Nadal da Deputación 2008

Ademais dos agasallos, outro clásico destas datas son as felicitacións de Nadal. Estase a poñer de moda o Nadal laico e virtual (vía email), mesmo entre católicos recoñecidos e confesos como o presidente da Deputación, quen envía por correo-e a postal que aquí lles poño. Non se alporicen demasiado, porque o seu predecesor xa puxera de moda postais que eran fotos de realizacións da Deputación.

E agora déixoos, que iso me recorda que eu aínda teño por enviar os SMS de Nadal.

Boas festas, sexan laicas ou non.

Atrasos

Mércores, 17 de Decembro, 2008

Edicto de MuiñaUn coñecido refrán asegura que as cousas de palacio van amodo. E nalgunhas administracións, máis aínda. Este xoves 11, El Progreso publicaba na súa edición impresa un interesante edito do Concello de Lugo, polo que vemos que a xunta de goberno local deulle licenza ao Inludes para mellorar a instalación eléctrica do mazo de Santa Comba. Ata aí, o edito non ten nada de particular, se non fora por dous ou tres detalles:

1.- A devandita xunta de goberno é do 4 de xullo. Presídea Francisco Fernández Liñares, no que debeu de ser un dos seus últimos actos como concelleiro, pois xusto o 11, sete días despois, foi nomeado oficialmente primeiro presidente da Confederación Hidrográfica do Miño. Curiosamente, o daquela concelleiro asina o decreto o día 19, cando xa era oficialmente o mandamais do ente hidrográfico (ata o 1 de setembro non renunciou á acta de edil).

2.- A solicitude de licenza faia Antonio Muiña Pena en calidade de vicepresidente do Inludes. Dende agosto de 2007, o alcalde de Friol xa non ten tal cargo. Diante disto, hai que preguntarse cando presentou o Inludes a súa petición. Unha pescuda na web do Boletín Oficial da Provincia dános a data de aprobación do proxecto: marzo do 2007!

Ou sexa, pasaron case dous anos ata que o proxecto pasa a exposición pública no edificio administrativo do Concello, porque o que anuncia ese edito é exactamente iso: que, cinco meses despois de se aprobar en xunta de goberno municipal e vinte e un despois de se aprobar en xunta de goberno provincial, os cidadáns xa poden consultalo. Por certo: tamén a Deputación o expuxera. Si que van amodo algunhas cousas!!!

Alcalde corredor

Xoves, 20 de Novembro, 2008

Hoxe toca outra adiviña. 

Hai un alcalde da provincia de Lugo que nos últimos meses foi multado tres veces pola Garda Civil no mesmo punto da mesma estrada e polo mesmo motivo: exceso de velocidade.

Quen será?

Políticos e cregos

Venres, 7 de Novembro, 2008

O 'funeral' de 'Los muertos van deprisa'

Estes días vin na TVG un tráiler de Los muertos van deprisa, a película que Ángel de la Cruz rodou por etapas en Ribadeo. E chámame a atención ver ao comunista, descreído e anticlerical Delmiro de Padre Casares facendo neste filme, precisamente, de crego. No tráiler vese que Delmiro, ou sexa, Antonio Durán, ten curiosos compañeiros de oficio: o actual e o anterior alcaldes de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez e o socialista Balbino Pérez Vacas, respectivamente. Os dous fan tamén de sacerdotes. Á vista de que Balbino foi en tempos concelleiro do Bloque, non sei se facer un chiste sobre as conexións entre o BNG e a Igrexa.

Orozco xa ten cadro

Martes, 7 de Outubro, 2008

López Orozco, nun cadro naif

Este López Orozco, alcalde de Lugo, está en todas partes. O outro día, tomando o café, notei a súa presenza por riba do meu ombreiro. Pero eu non o vía, ata que, despois de moito mirar, descubrino na parede, dentro dun cadro. Era un cadro oficial? Non, era un cadro naïf. A autora é Beatriz Blanco, unha pintora que en outubro pasado colgou a súa obra no edificio da Xunta en Lugo e que agora tena nunha exposición nun café preto do xornal. A muller pintou a Orozco nun cadro que está presidido polo escudo da cidade e a muralla. Que cousas!

O Orozco que musitaba ao oído dos cabalos

Xoves, 11 de Setembro, 2008

Orozco e un cabalo en Equigal

Non me resisto a poñer esta foto, feita este xoves na inauguración da Equigal. Habería que saber se Quique Rozas, que aparece a carón de López Orozco, foi o que incitou ao rexedor de Lugo a case imitar a Robert Redford en certa película que teñen pasado un milleiro de veces pola tele.

Aínda que o que máis me chama a atención de Orozco é que sexa un dos dez criminais máis buscados do mundo… Aínda que, para curiosidade, unha das páxinas que o cita ten algo que ver (no nome) con (Gómez)Besteiro.

É broma, alcalde, obviamente.

Os apelidos do poder

Venres, 1 de Agosto, 2008

Habería que facer un estudo sobre os nomes do poder. Hai anos, na véspera da toma de posesión das corporacións saídas das eleccións locais de 2003, titulei unha crónica El bastón es de Pepe, porque vinte dos alcaldes chamábanse Xosé. Cando empezarán a chegar ás alcaldías os Ivanes, Vanesas e Albas?

Outra cousa son os apelidos. No PSOE está claro que, para tocar poder, hai que ter un primeiro apelido común, si, un deses que obriga aos xornalistas a titular co segundo, para diferenciar ao persoeiro. Imaxínense que tituláramos con Rodríguez, Pérez, Gómez ou López… Quen se decataría de que estamos a falar de Zapatero, Touriño, Besteiro ou Orozco, respectivamente? A única excepción é, quizais Felipe González.

En cambio, se o primeiro apelido é diferente, neste partido hai que conformarse co segundo chanzo do escalafón: Blanco, Varela, Guerra, Ciscar…

No PP, en cambio, ocorre o contrario. Se tes apelido diferente, tes máis posibilidades de estar preto da cúpula que se sucede o contrario: Rajoy, Aznar, Fraga, Barreiro, Cacharro, Acebes… Hai unha excepción galega, Núñez Feijoo, quen na prensa é titulado polo segundo. Todos eles son apelidos contundentes. Quizais por iso tivo tan pouco éxito no seu día Hernández Mancha. Aínda que outro que marchou do partido tiña, con diferencia, o apelido máis diferente da clase política da etapa democrática: Verstrynge.

Si, xa sei que este post saíume intranscendente, pero, que queren?, estamos no verán, un tempo lixeiro. E, ademais, agora mesmo estou de vacacións (isto de poder programar a publicación dos posts é caralludo). Ata setembro.

Quarks, Álvarez Vázquez e demais

Xoves, 31 de Xullo, 2008

Iso dos comunicados oficiais dos gabinetes de prensa é un mundo fascinante. Por exemplo, onte, mércores 30, chegou un a este xornal que foi inmediatamente anulado, a petición do remitente. Foi moi curioso: ía do mesmo tema de fondo, pero o primeiro comunicado era agresivo e o segundo, non. Que pasaría polo camiño?

Ese referíase a Galicia. Hai unhas semanas, chegounos outro, relativo a Lugo cidade, que tamén nos pediron que se anulara, pero desta vez non houbo substituto. O curioso é que anunciaba algo, unha liorta entre institucións, que ía pasar xusto dous días despois.

Pero os mellores son os que teñen erratas (ou erritas, como poñía aquel memorable libro que terminaba con “Este libro no contiene erritas”). Encántame un que mandou un Concello o pasado maio, que anunciaba uns actos co gallo de que o Día das Letras Galegas estaba dedicado a un tal Álvarez VÁZQUEZ. Non sei que pensaría o fillo de Álvarez BLÁZQUEZ de ter lido isto.

Pero o que máis me gusta é esta que chegou hai uns meses. É un fax que demostra o moito que avanzou Lugo. Mesmo temos circuítos de quarks! Algúns, preocupados polo atraso en infraestruturas, e outros, creando aceleradores de partículas.

Erro nun comunicado