Archivo de ‘Deputación’ Category

O retorno

Luns, 2 de Febreiro, 2009

Cacharro, na rolda de prensa (Foto: Pepe Álvez)

Foi como nos vellos tempos, aínda que desta volta non había mesa, senón simples cadeiras (o mobiliario do flamante Centro de Prensa de Lugo vai amodo), pero alí estaba el, en martes, non en venres, disposto a darnos unha rolda de prensa. E como nos vellos tempos, a sala encheuse de xornalistas de tódolos medios e formatos. Cacharro Pardo volvía a dar unha rolda de prensa, despois de dezaoito meses xustos (a derradeira como presidente da Deputación foi a comezos de xullo de 2007), e a expectación era a mesma. E o desenvolvemento foi o mesmo: el falou dun tema, deulle varias voltas e, ao rematar, os xornalistas entrámoslle con outro, relativo á actualidade política, e el entrou… e deunos un titular fascinante. De feito, tódalas axencias enfocárono por aí, por esas declaracións súas sobre a suposta “falta de liderado” no PP. Foi Pepe Seijo, da SER e Efe, o que preguntou sobre as expectativas electorais que el cre que ten o PP, e eu (ás veces o amarillismo pode comigo) fun o que o incitou a precisar: “Cando di falta de liderado, refírese a Madrid ou a Santiago?”. E el respondeu: “En todos os sitios”. Xenio e figura. Por iso, ao rematar de todo, algún preguntoulle, xa que agora hai un centro de prensa en Lugo, se non ten gañas de volver a dar as roldas de prensa semanais de antes. “Pero non as segue habendo agora?”, respondeu sorrindo. Si, pero non son o mesmo. Ás veces, mesmo se poden despachar nun breve.

E con isto de falar dun tema e saír con outro, a maioría dos lectores quedaron sen saber do tema orixinal da rolda da prensa. Cacharro contestou ás aseveracións de Antonio Gato sobre as obras que a actual Deputación tivo que asumir ao perder subvencións porque na era cacharrista non se expropiaron os terreos a tempo. O ex presidente insinuou que gran parte de culpa é do actual bipartito provincial, porque estiveron a cambiar capataces e deixaron ao persoal “desorientado”. “Aos traballadores non os impulsan e empezan a cambialos de sitio”, dixo. Deste tema xa falara moito o PP o ano pasado, dando pé a un longo enfrontamento dialéctico entre González Barcia e Manuel Martínez, pero volveuno a sacar Gato estes días.

Vocabulario

Sábado, 3 de Xaneiro, 2009

É curioso ver como algunhas palabras mantéñense de actualidade aínda que cambien os tempos ou os gobernos. Por exemplo, hai uns días fíxome graza ver que Fernando Blanco segue a usar a palabra transparencia. Hai anos, cando era oposición, utilizábaa contra Francisco Cacharro, daquela presidente da Deputación de Lugo; agora, que é conselleiro, utilízaa para defender o reparto eólico.

Mentres Blanco falaba de transparencia, o seu compañeiro de oposición Manuel Martínez, daquela voceiro socialista, empregaba naqueles tempos a palabra clientelar, referida á política de Cacharro. Curiosamente, agora na Deputación segue a usarse, pero desta volta en boca de Xosé Manuel Barreiro, do PP. Serán palabras que quedan prendidas nas cadeiras do salón de plenos do pazo de San Marcos e pasan dun a outro?

De ‘card’ a ‘pen’

Xoves, 1 de Xaneiro, 2009

A presentación dos orzamentos da Deputación para o 2009 tivo algunha diferenza respecto á do 2008. Desta volta non houbo card-drive, senón pen-drive, rosas e verdes, para ser máis exactos: semellaban caramelos. Na mesa estiveron os mesmos, Xosé Antón Bao, Xosé Ramón Gómez Besteiro e Rexina Polín, por esta orde, e deron a rolda de prensa no mesmo sentido: primeiro unha presentación de liñas xerais, logo un denso detalle dos orzamentos das áreas bloqueiras e unhas reflexións finais da delegada de Economía. Polín, emocionada, mesmo cualificou de “agasallo de Reis” o anuncio de que a Deputación vai axudar os concellos a elaborar os proxectos que teñen que presentar para o Fondo de Investimento Local. Curiosamente, ao día seguinte, nun especial sobre este fondo que publicaban os xornais, o logotipo lembraba a unha caixa de regalo.

Outra diferenza foi o papel. Desta volta non nos deron aos xornalistas un tocho de 320 páxinas cos Orzamentos que si nos proporcionaron o ano pasado. Vinllo a Xosé Manuel Barreiro na mesa durante o debate do martes. Debe de ser por aforrar papel, por aquilo da crise. Unha mágoa: así non puidemos facer preguntas directas sobre o tema.

(Si, xa sei que non actualizo o blog dende o ano pasado: éche cousa das festas. Feliz 2009 a todos.)

Nadal

Mércores, 24 de Decembro, 2008

Hai tempo, dende que a comprou Cimpor, que Corporación Noroeste ten pouco de luguesa, agás as canteiras e a fábrica de Oural, Aínda así, o seu agasallo institucional deste Nadal si que ten acento lugués. Trátase dun precioso libro, en edición de luxo, titulado Galicia: nai e señora, escrito en tres idiomas (galego, castelán e inglés, por esa orde), que ten como autores ao ourensán Carlos Casares, o semi ribadense Xavier Rodríguez Baixeras e o lancarao Basilio Losada. 

Felicitación de Nadal da Deputación 2008

Ademais dos agasallos, outro clásico destas datas son as felicitacións de Nadal. Estase a poñer de moda o Nadal laico e virtual (vía email), mesmo entre católicos recoñecidos e confesos como o presidente da Deputación, quen envía por correo-e a postal que aquí lles poño. Non se alporicen demasiado, porque o seu predecesor xa puxera de moda postais que eran fotos de realizacións da Deputación.

E agora déixoos, que iso me recorda que eu aínda teño por enviar os SMS de Nadal.

Boas festas, sexan laicas ou non.

Altar eliminado

Domingo, 21 de Decembro, 2008

A noticia pasou inadvertida, e iso que esta semana que acaba Gómez Besteiro e Lara Méndez estiveron a falar do Inludes (e os seus orzamentos para o 2009). Pero silenciosamente desapareceu das reixas do fogar de Santa María de Lugo o altar que os amigos e a familia instalaran na honra de María López, a rapaza que morrera atropelada cando camiñaba por unha beirarrúa da Ronda da Muralla. Sospeito que o desmantelamento é decisión da Deputación, que xa ten permiso do Concello (desta foron máis rápidos que no caso do mazo de Santa Comba) para as obras de remodelación de todo o recinto.

A retirada fíxose xusto nunha semana na que se produciu un accidente semellante, aínda que sen feridos, e cando a escasa condena aos que a atropelaron foi elixida noticia do ano polos lectores de El Progreso. A vida está chea de coincidencias.

Atrasos

Mércores, 17 de Decembro, 2008

Edicto de MuiñaUn coñecido refrán asegura que as cousas de palacio van amodo. E nalgunhas administracións, máis aínda. Este xoves 11, El Progreso publicaba na súa edición impresa un interesante edito do Concello de Lugo, polo que vemos que a xunta de goberno local deulle licenza ao Inludes para mellorar a instalación eléctrica do mazo de Santa Comba. Ata aí, o edito non ten nada de particular, se non fora por dous ou tres detalles:

1.- A devandita xunta de goberno é do 4 de xullo. Presídea Francisco Fernández Liñares, no que debeu de ser un dos seus últimos actos como concelleiro, pois xusto o 11, sete días despois, foi nomeado oficialmente primeiro presidente da Confederación Hidrográfica do Miño. Curiosamente, o daquela concelleiro asina o decreto o día 19, cando xa era oficialmente o mandamais do ente hidrográfico (ata o 1 de setembro non renunciou á acta de edil).

2.- A solicitude de licenza faia Antonio Muiña Pena en calidade de vicepresidente do Inludes. Dende agosto de 2007, o alcalde de Friol xa non ten tal cargo. Diante disto, hai que preguntarse cando presentou o Inludes a súa petición. Unha pescuda na web do Boletín Oficial da Provincia dános a data de aprobación do proxecto: marzo do 2007!

Ou sexa, pasaron case dous anos ata que o proxecto pasa a exposición pública no edificio administrativo do Concello, porque o que anuncia ese edito é exactamente iso: que, cinco meses despois de se aprobar en xunta de goberno municipal e vinte e un despois de se aprobar en xunta de goberno provincial, os cidadáns xa poden consultalo. Por certo: tamén a Deputación o expuxera. Si que van amodo algunhas cousas!!!

Parada non ten paraxe

Domingo, 30 de Novembro, 2008

Ricardo ParadaHai poucos políticos en Lugo tan inquietos como Ricardo Parada, responsable da área de Medio Ambiente na Deputación de Lugo. Ben, igual inquieto non é a palabra, senón máis ben frenético. Hai unhas semanas, atopeino na Ronda da Muralla entre o hospital San José (onde traballa a súa dona) e o fogar de Santa María (onde ten el o despacho). Contoume que o día anterior estivera no Pozo do Ollo, que despois pasara por Santa Comba e por non sei cantos sitios, e que despois tiña que ir a non sei onde. Esgotador, xa digo. En contraste, a súa tarxeta de visita da Deputación é máis ben monótona, como todas as do ente provincial, supoño. Hai que renovar a papelería, que vai vella.

Para que vexan o que se move este home, hai uns días foi un dos responsables de que o PSOE estivera en moita minoría (tres contra cinco ou algo así) no pleno da Fonsagrada no que se aprobou a conta xeral. No pleno díxose que Parada non estaba porque ía no Caribe. Agora souben que non é certo. Estaba de viaxe pero non no Caribe, senón en Italia. E, por certo, alí coincidiu nada menos que coa duquesa de Alba. E Ricardo, nin curto nin preguizoso, foise presentar. Xúrovos que é certo. 

Deputacións

Luns, 10 de Novembro, 2008

Os presidentes das deputacións, no parque do Rato

O pasado venres xuntáronse uns cantos presidentes e vicepresidentes de deputacións para facer unha Declaración de Lugo, na defensa destes entes que están a cabalo entre o poder local e o autonómico. Estaban vintetrés ou vintecinco, segundo as informacións oficiais, presididos todos eles por Xosé Ramón Gómez Besteiro. O número é moi significativo, pois representan o 61 por cento das existentes en España (non hai nas comunidades autónomas uniprovinciais), e a listaxe é moi interesante.

Estaban moitos do PSOE (por exemplo, Barcelona e Teruel), algún do PP (Salamanca), un de ERC (Lleida), faltaban os tres vascos e… dous galegos, os dous que non son do PSOE, é dicir, o ourensán Xosé Luís Baltar e o pontevedrés Rafael Louzán. Son xusto os dous que hai uns días tiveron un rifirrafe no Parlamento cos dous presidentes socialistas galegos (Gómez Besteiro e o coruñés Salvador Fernández Moreda) sobre viaxes… Referíanse ás viaxes fóra de España, aínda que, se cadra, tamén abranguían as de dentro.

O cuestionario

Mércores, 22 de Outubro, 2008

Lin por aí que o PP galego está a preparar un cuestionario para enviar as seus alcaldes sobre a xestión do partido en Galicia. Non sei se tal enquisa chegou aos militantes, pero a que si está a chegar é a que enviou a Deputación de Lugo aos concellos. Unha das preguntas refírese a que diferenzas ven os alcaldes entre a etapa do cacharrismo e a do bipartito. Sei dalgún rexedor que se quedou con ganas de deixar en branco a resposta. E non é do PP.

A neta de Noriega

Venres, 17 de Outubro, 2008

Presentación de Aurelia Balseiro (Foto: Sebas Senande)

Na última foto de Aurelia Balseiro que nos sae no arquivo, a nova directora do Museo Provincial de Lugo aparece a carón da presidenta de El Progreso como membro do xurado dos premios Muralla de debuxo e relato infantil. Representara á Deputación como técnico da área de Cultura, na que traballaba. O noso arquivo fotográfico tamén dá conta do seu labor investigador e ensaístico. Aínda que o máis curioso que aparece no arquivo é a súa relación cun dos grandes da literatura luguesa, Antonio Noriega Varela: o home de Aurelia é neto do autor de Do ermo.

De Cultura houbo moita xente nese almorzo informativo ao que nos convidaron este venres. Despois de meses de elucubracións e rumores sobre o cargo, a convocatoria chegou aos medios unhas dúas horas antes da rolda de prensa.

Teoricamente, ou iso dicía Antón Bao na entrevista que lle fixen en xullo, Balseiro non vén substituír á actual xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago. Serán complementarias. Unha ocuparase só do museo da Praza da Soidade e a outra, de todos. Sen embargo, a ausencia no almorzo de Encarna, a muller que dirixiu esta entidade e as outras tres (Tor, San Cibrao e Narla) durante os últimos anos, foi máis que clamorosa.