Archivo de ‘Xeral’ Category

Cachorros

Martes, 9 de Febreiro, 2016

HABÍA UN pequeno de poucas semanas na cola, metido no seu minúsculo carriño, e notei como acaparaba as miradas embobadas de todos os que estabamos agardando detrás da súa nai, incluído eu. É fascinante a capacidade inconsciente que teñen eses nenos para xerar ganas de abrazalos, facerlles aloumiños e, en suma, achuchalos. Ás veces, ata se che pon un sorriso parvo. Non é a única cría que provoca arelas coma esas: o mesmo nos pasa con outros cachorros, en especial os das dúas especies que levan máis tempo a carón dos humanos: os gatos e os cans. Iso explica por que YouTube está cheo de vídeos destes animais, especialmente de curta idade, e mesmo dalgunha rede social (Pinterest) chegouse a dicir que só valía para compartir fotos de gatiños. Vén sendo a mesma tenrura que producen, por exemplo, os osos de peluche, que nacen para que os estrullemos. Asunto á parte é a reacción dos que están con eses pequenos (sexan humanos ou animais), que van dende o que pon cara de satisfacción (“a xente recoñece o lindo que é o meu cativo!”) ata o que sufoca, por educación, un bufido (“deixade de sobarme o neno!”). Hai campañas para que os cans pouco amigos de carantoñas leven un lazo amarelo na correa; obviamente, non podes facer iso cun cachorro humano. Claro que iso dura ata esa idade en que o neno adquire autonomía e o adorable cativo do cuco pasa a ser o repelente neno que corre e bourea á túa beira.

(Na foto, uns gatos nunha fiestra… debuxados, si.)

O fixo

Martes, 2 de Febreiro, 2016

UN DOS sinais de modernidade nos meus tempos infantís era o teléfono fixo. Había casas onde colocaban o aparato nun lugar central (na sala, por exemplo), aínda que o máis habitual era preto da entrada. Era símbolo de modernidade e de avance tecnolóxico, porque era unha mellora que non estaba dispoñible en todo o territorio. Na aldea, dependías moito do veciño que o tiña, a quen chamabas para avisalo dalgunha visita ou dalgunha novidade, do tipo «chegamos o venres ás nove», «chamarei ás nove e media» ou cousas así. Eran tempos en que as cousas tiñan menos apuro que agora, que parece que todo ten que ser xa. Recordo cando o servizo automático chegou á miña aldea, creo que a comezos dos oitenta, que todos os teléfonos comezaban (comezan) por 6290. Daquela dependías do que che ofrecía Telefónica, o monopolio. Se non había xeito de darche servizo, tiñas que aguantarte. Agora, pola contra, o teléfono fixo ofrécencho como parte doutra oferta (televisión, móbil, internet…) e, ás veces, case máis como complemento que como eixo da mesma. O fixo que eu tiña na casa xa só servía para recibir chamadas da miña nai e dos do telemárketing. Ela deixou de chamar despois do ictus, así que no último cambio de compañía xa nin me molestei en habilitar o teléfono fixo; é máis, nin sequera sei onde teño apuntado o número. Sei que non son o único caso. Agora a modernidade, neste tempo de móbiles, é non telo.

(Na foto, un grupo de telefonistas en Madrid, nunha imaxe da colección permanente de Telefónica.)

Cheiros

Martes, 26 de Xaneiro, 2016

TODA EXPOSICIÓN ou texto sobre os tempos antigos coincide no alto grao de sucidade no que vivían os nosos antepasados. Recordo unha mostra en Lugo na que destacaban que as cidades romanas (Roma, ese referente que usamos para tantas e tantas cousas) ulían rematadamente mal. Ata hai dous ou tres séculos, na glamurosa París a xente tiraba os ouriños á rúa dende as casas. Os perfumes non se usaban tanto para ulir ben e atraer aos outros como para ocultar malos cheiros. Os parámetros de hixiene, está claro, non eran os mesmos que hoxe en día. Agora estamos no extremo contrario. De feito, xa hai quen di que nos aseamos de máis, que aos nenos non lles vén mal xogar coa terra (algo que agora parece estar prohibido), e mesmo hai estudos que vinculan algunha enfermidade grave coa nosa asepsia militante. Iso non debe levar a descoidar o aseo persoal. Todos asumimos o desagradable que é atoparse con alguén abandonado polo seu desodorizante, en especial se ten unha profesión cara ao público: hostalería, comercio, forzas da orde… Neste senso, eu son moi intolerante con algunhas cheirumes: teño deixado de ir a sitios onde se comía máis que ben porque non me apetecía ter que facer unha colada extraordinaria cada vez que saía do local. O cheiro que deixa o tabaco nunha casa despois dunha fin de semana de moito fume foi, por exemplo, o que me fixo deixar de fumar. Este luns cumpríronse seis anos diso.

(Na foto, un bloque de margaridas de suave olor)

Tarxetas

Martes, 19 de Xaneiro, 2016

AS DÚAS tarxetas que máis utilizo comparten espazo na carteira, polo que máis dunha vez teño sacado a do Sergas para pagar algunha compra ou a do banco para as consultas médicas. As reaccións van dende un adusto “esta non é” ata aquela vez que me dixeron “se queres, pásocha, pero sospeito que a máquina non vai aceptala”. Daquela, a rapaza da óptica e máis eu acabamos falando do ben que estaría telo todo nunha soa tarxeta e poder con ela pedir medicamentos, sacar cartos, pagar a compra dunha soa vez ou en prazos, identificarte diante dun policía ou dun garda de tráfico, obter descontos no hipermercado ou na tenda, entrar na piscina da que es socio, sacar libros para os nenos na biblioteca do barrio ou calquera da porrada de cousas que se poden facer co milleiro de tarxetas que ultimamente poboan os nosos petos e bolsos. Algunhas cousas xa se poden facer cun escaneo do iris ou as pegadas dactilares, e para outras xa abonda cun bo smartphone. Ese móbil de última xeración ofrecerache a posibilidade de xuntalo todo nunha conta única de Gmail, co cal na vida virtual xa non necesitas andar con varias tarxetas, que xa San Google se ocupa de todo. É como volver á nenez, cando tiñas un único médico para todo, fose unha fractura ou un catarro, o resto dos problemas solucionábanse dicindo unha palabra de catro letras (mamá, papá) e nin sequera había que molestarse en recordar números de teléfono.

(Na foto, Alonso de Entrerríos (Nacho Fresneda, á esquerda), descubrindo en ‘El ministerio del tiempo’ que ese cartón de plástico é cartos.)

A aventura

Martes, 12 de Xaneiro, 2016

Logo DakarEN TEMPOS, a principal actividade deportiva que podías ver na tele durante as vacacións escolares de Nadal, Liga de fútbol á parte, era o torneo do Real Madrid de baloncesto. Daquela, chamábame a atención que os deportistas se prestaran a pasar fóra da casa unhas datas nas que o normal, polo menos na miña contorna, era vir mesmo de moi lonxe para pasar as festas en familia. Despois, chegou o París-Dakar, competición que arrincaba cando medio planeta estaba de festa celebrando o cambio de ano. Aquela carreira levaba aos medios de comunicación unha serie de topónimos evocadores: Teneré, Tamanrasset, Niamey… E mirabas con admiración inocente a aqueles pilotos que se metían sós nunha aventura que tiña moito de loucura. Máis tarde viñeron as ameazas de Al Qaeda e os nomes que fan soñar cambiaron, porque a proba saltou a outro continente: Uyuni, Jujuy, mesmo hai un Belén… Pero seguen sendo o mesmo tipo de tolos entregados á aventura por carreiros onde, se cadra, non volverá pasar outro vehículo de motor ata dentro dun ano. É unha (admito que envexable) simple aventura… con GPS, camións con comida para sesenta rexementos, equipos de apoio con máis mecánicos que habitantes teñen algunhas aldeas… Si, logo din que os organizadores desta caravana dan axudas para as comunidades indíxenas, pero che queda un gusto agridoce, como se viras pasar unha expedición de tanques polas ladeiras do Mustallar…

Cartas reais

Martes, 5 de Xaneiro, 2016

HAI QUEN mantén o costume de aproveitar estas datas para mandar cartas apócrifas aos Reis Magos. Son apócrifas ou directamente falsas porque, a diferenza das que redactamos de nenos, non están escritas para ser recibidas nin moito menos para que se fagan realidade. Columnistas, opinadores e demais xente desa ralea somos moi dados a elas: aí pedimos cousas imposibles, que requiren a man de alguén realmente máxico, como os Reis (de Oriente): sensatez na política, próceres con altura de miras, pactos inimaxinables, eleccións repetibles, a fin do terrorismo ou, en resumo, a paz no mundo. É case o mesmo que pediría unha candidata a miss na parte intelectual do concurso de beleza. Son mellores, abofé, as cartas aos Reis que facemos de cativos: primeiro, porque as posibilidades de cumprimento son maiores; segundo, porque os referentes son máis serios. Podes ter o referente da necesidade ou obriga (un estuche para substituír o vello ou a roupa que pides por quedar ben cos adultos), a referencia da publicidade ou a dese superventas de Nadal que é o catálogo de xoguetes de El Corte Inglés (pode presumir Planeta desas tiraxes?), ou, en fin, un modelo máis interesante: aquilo que ten o veciño, a curmá, a amiga ou o compañeiro de clase. Esas si que son cartas sentidas, de xente que o merece todo porque este ano se portou ben… ah, velaquí outro tópico, como o da paz no mundo. Feliz noite de Reis.

Privilexiados

Martes, 29 de Decembro, 2015

NON NOS damos de conta, pero hai pequenas cousas, ás que poucas veces damos importancia, que fan que sexamos uns privilexiados. Unha delas é o lugar de residencia. Vivir en Galicia, por exemplo, asegúrache máis dispoñibilidade de auga que facelo, poñamos por caso, no máis seco da Meseta. Se tes un soldo fixo (e máis se a contía da nómina se pode considerar decente), poderás acceder a alimentos de todo tipo e a unha maior oferta de produtos. A variedade será maior se vives nunha cidade ou nunha vila mediana ou próxima a unha poboación potente. Se non é así, podes facer compras online… se dispós de boa conexión. Na cidade máis grande de Galicia hai conexións de 100 megas, pero tamén barrios rurais nos que o servizo básico de Movistar non pasa de un. Pero hai cousas peores: todos somos iguais, pero Deus te libre de sufrir unha enfermidade chunga cando exerces o teu dereito a vivir nunha aldea perdida dunha provincia cun hospital bo, pero no que faltan servizos: sóalles aquilo de radioterapia, hemodinámica…? E aínda así, tes que darte cun coio nos dentes, porque o sistema nacional de saúde vaiche subministrar de balde medicacións que poden custar, cada caixa, unha cifra de catro díxitos. Podemos cruzar a rúa sen temor a un francotirador, abrir unha billa e obter auga abondosa, ter unha muda limpa para cada día, os nenos poden ir a clase ou xogar sen medo… Abofé que somos uns privilexiados.

Tocoume!

Martes, 22 de Decembro, 2015


SE NESTE preciso momento pasa do mediodía do 22 de decembro, aviso de que nese instante estarei nalgún aeroporto buscando un voo para as Seychelles. Na viaxe comprarei sen taxa todo o que me ofrezan no servizo de a bordo, que é unha das cousas máis vergoñentamente caras que existen. Pero vaime dar igual, porque vou ter tal morea de cartos que non me vai importar pagar 200 euros por unha botelliña de 100 mililitros de escocés… e se hai que mesturalo con auga ou convidar á toda a pasaxe, faise e xa está: cando un ten posibles, hai que demostralo dende o principio. Despois, nas Seychelles haberei de comprar algunha mansión vitoriana con palmeiras, 52 dormitorios (un por semana, para non cansar) e, por suposto, embarcadoiro para o iate. O do persoal de servizo non será problema: buscarei a alguén para que me faga a axenda: hoxe, pescar; maña, rañala; pasado, praia, e o seguinte, repetir o do segundo día. Tamén terei que asinar un contrato temporal con alguén para que vaia facendo iso do que todo o mundo falará hoxe: pagar a hipoteca, o coche, os estudos do pequeno… Non me vai o de ir dicindo que todos eses cartos da lotaría van ser para tapar furados, e máis cando xogo tanto que é doado saír de pobres, outra frase típica desde 22-D. Xogar, coma min, 25 euros ou así é confiar realmente no espíritu máxico do Nadal. Este ano, vou subscribir o outro topicazo da data: o importante é ter saúde.

Caligrafía

Martes, 15 de Decembro, 2015

POUCO DESPOIS de decidir que quería ser xornalista, e pensando que me faría falta para a carreira, pedinlle unha máquina de escribir aos Reis. Pero daquela os Magos “estaban pobres” e pasaron de min… igual que fixeron nos seguintes anos. Ao final, cando empezou a serme imprescindible para os traballos de clase, mercouma o meu pai nunha tenda de Fuencarral, coa advertencia, que xa contei varias veces, de que así a miña letra ía empeorar. Daquela non lle fixen moito caso, pero cando chegou o exercicio profesional, as roldas de prensa diante de xente apurada, as notas tomadas de pé nalgún recuncho ou cun brazo ocupado polo teléfono, caín na conta do atinado que era o aviso. Hai veces que nin eu entendo o que escribín dez minutos antes. Ás veces semella o que chaman “letra de médico” (aínda que no seu caso parece case unha práctica para preservar os arcanos da profesión). Despois apareceu o ordenador e a impagable posibilidade de corrixir as erratas e refacer ata o infinito. Así que ao final chega un momento en que un xa nin sabe escribir a man e esa práctica vai esmorecendo. Non son un caso illado. Agora están de moda as caligrafías e tamén as tipografías inventadas, e nas librarías volven ocupar un sitio destacado os vellos cadernos Rubio cos que tantos aprendimos a escribir ou calcular. Igual dentro dunhas décadas ou séculos, os seres humanos xa nin saberán como se colle un simple lapis.

(Na foto, ‘caligrafía’ de parede nunha vivenda abandonada de Tui)

Pulseiras

Martes, 8 de Decembro, 2015

DEZASEIS MESES. Iso foi o que durou no meu pulso dereito, antes de rachar polo uso, a fita que me deron no festival internacional de cine de Karlovy Vary. Conseguina na véspera da xornada de clausura de 2014, nun posto onde o café de George Clooney convidaba a volluto, ristretto e demais, e a fita conmemorativa da edición número 49 cinguía o vaso. Recoñezo que entre xullo de 2014 e novembro pasado useina para fardar de que estivera nun sitio que a inmensa maioría dos meus coñecidos nin sabía que existía. Non son moi dado a levar cousas no pulso, nin siquera reloxo (nesta sociedade na que vives arrodeado deles), pero teño feito algunha excepción: tamén levei bastante tempo unha fita do Senhor do Bonfim, de Salvador de Bahía, a mesma que tempo despois descubrín no brazo de Núñez Feijóo. Esta acabeina por tirar, porque non se daba roto. Estes días vexo moito a un médico que leva unha do Celta, aínda que el di ser do Madrid. En tempos estiveran de moda as pulseiras de Lance Armstrong: foi moito antes de que se desvelara que este ciclista xogaba sucio. Se naces nunha familia tradicional, das que regala pulseiras en cada natalicio, podes pasar a vida lucindo moitos destes adornos, dende as da primeira comuñón ata as que mercas porque si ou as que che dan co teu nome, esas que teñen o terrible nome de ‘escravas’. Terribles son tamén as que poñen nalgunhas áreas dos hospitais (véxanse a película ‘Planta 4ª’ ou a serie ‘Pulseras rojas’). E logo están as pulseiras de ‘todo incluído’; esas si que nos fan felices a todos.